Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Ministerio de Sanidade matiza: polo momento non haberá cuarta dose para toda a poboación

O Ministerio de Sanidade matiza: polo momento non haberá cuarta dose para toda a poboación

O cuarto reforzo darase de forma gradual, comezando polos maiores de 80 anos 

O conselleiro de Sanidade di que a vacinación con carácter xeral non se tratou coas comunidades e que non hai "evidencias do seu beneficio"

G24.gal 16/06/2022 17:14 Última actualización 16/06/2022 17:36

O Ministerio de Sanidade matizou este xoves que a cuarta dose da vacina contra covid-19 non se lle poñerá a toda a poboación de forma inmediata. Como xa ocorreu coas tres anteriores, empezarase polos máis maiores e os internos das residencias para ir descendendo por tramos etarios.

"Non hai data determinada" para a administración da cuarta dose da vacina contra a Covid-19 na poboación xeral, aínda que sinalou que "nalgún momento poñerase a todo o mundo", aseguran desde o ministerio despois de que Carolina Darias avanzase que "haberá unha cuarta dose para toda a poboación" sen concretar cando, pero apuntando ao "outono" como a data máis probable, pois será cando estean dispoñibles as vacinas adaptadas a novas variantes.

"Haberá cuarta dose para toda a poboación, así o decidiu a Comisión de Saúde Pública; o que falta é decidir cando. Probablemente, unha data que se poida barallar como posible sexa en torno ao outono, e tamén porque estamos a esperar para esas datas a chegada de novas vacinas adaptadas a variantes, como así está nos contratos que asinamos o Goberno de España a través da Unión Europea coas compañías farmacéuticas", sinalou Darias.

Comesaña di que non se tratou coas comunidades

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, pola súa parte, dixo este xoves que o tratado tanto na Comisión de Saúde Pública como na interterritorial de Sanidade en relación á cuarta dose de vacina contra a covid-19 refírese á poboación maior de 80 anos, xa que "non hai evidencia" de beneficio da súa administración en poboación xeral, polo momento.  

Comesaña explicou que o validado na Comisión de Saúde Pública de fai un par de semanas é a administración desa cuarta dose "á poboación maior de 80 anos". Para eles, explicou, falta por "pechar a data", que dependerá de que se poida dispoñer dunha vacina válida tanto para a cepa orixinal como para a ómicron.  

Tras coñecer as declaracións de Darias, explicou, el mesmo chamou á ministra. "E confirmoume que, efectivamente, estamos co previsto na Comisión de Saúde Pública e con vacinar agora mesmo aos maiores de 80 anos", precisou.  

O conselleiro de Sanidade destacou que, polo momento, non se tratou a posibilidade de poñer unha cuarta dose a toda a poboación en xeral, xa que, "así como hai evidencia de que en maiores de 80", e inmunodeprimidos, "si achega" beneficio, "no resto da poboación parece que, ata o de agora, non hai evidencia sobre esta administración", resolveu.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade