O Ministerio de Traballo ve marxe para unha subida do SMI do 4 % en 2024

A reunión entre Goberno, sindicatos e patronal para abordar o incremento do salario mínimo rematou sen acordo pero as partes non expuxeron "liñas vermellas"

Vicepresidenta segunda do Goberno e ministra de Traballo, Yolanda Díaz (EFE/Juan Carlos Hidalgo)
G24.gal 30/11/2023 16:11 Última actualización 30/11/2023 21:23

O Ministerio de Traballo ve marxe para chegar a un acordo tripartito cos axentes sociais para unha suba do salario mínimo do 4 % no próximo ano, seguindo a liña establecida no pacto entre patronal e sindicatos. Ese incremento suporía chegar ata os 1.123 euros mensuais brutos. Hoxe son 1.080 euros.

A primeira reunión do Executivo cos sindicatos e a patronal para abordar este asunto terminou sen acordo nin cifras sobre a mesa, pero as partes non expuxeron "liñas vermellas" e desde as centrais sindicais confían en acadar un acordo tripartito.

En declaracións aos medios, o vicesecretario xeral de Política Sindical de UXT, Fernando Luján, sinalou que os sindicatos non expuxeron unha cifra de subida, senón que o aumento manteña o SMI no 60 por cento do salario medio e que non se perda poder adquisitivo. Indicou ademáis que o Goberno non fixo ningunha proposta en tanto que "ten que ser respectuoso coas partes" e "ditar" a contía despois de escoitar aos axentes sociais.

Pola súa banda, a secretaria de Acción Social de CCOO, Mari Cruz Vicente, manifestou que "o 60 por cento do salario medio ten que garantirse" e engadiu que tamén"ten que ter en conta o custo da vida". Neste sentido, puntualizou que non se trata tanto da taxa de inflación xeral -do 3,8 % contando a media de inflación dos últimos 12 meses ata novembro- senón da taxa subxacente, en tanto que "o prezo dos alimentos básicos incrementouse por encima do 5 %".

Fontes da CEOE aseguraron que na reunión se insistiu "na necesidade de indexar os contratos públicos ao SMI" e que, nesa petición, contaron co apoio dos sindicatos, como estes mesmos confirmaron ante os medios. 

A próxima reunión terá lugar o vindeiro luns 11 de decembro. 

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade