Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Ministerio de Transportes enviará este martes o contrato de baixada ao Pitanxo á compañía ACSM

O Ministerio de Transportes enviará este martes o contrato de baixada ao Pitanxo á compañía ACSM

Se a empresa asina mañá o contrato poderá quedar formalizado mañá mesmo, segundo fontes ministeriais

O pesqueiro galego afundírase en augas de Terra Nova O pesqueiro galego afundírase en augas de Terra Nova
G24.gal 15/05/2023 21:11

O Ministerio de Transportes, Movilidade e Axenda Urbana asegura que este martes, día 16 de maio, enviará á compañía viguesa ACSM o contrato de baixada ao pesqueiro galego Villa de Pitanxo, polo que, se a empresa o asina, quedará formalizado.

Así o sinalaron fontes do Ministerio, despois de que o director xeral da empresa José Cubeiro advertise de que non baixarían ao barco se o Goberno non formalizaba o contrato pronto, xa que o prazo para facelo terminaba este luns.

"O envío do contrato á empresa realizarase mañá martes, día 16 de maio, á primeira hora (cabe lembrar que hoxe, 15 de maio, non é día laborable na cidade de Madrid).

Por tanto, se a empresa asina mañá o contrato poderá quedar formalizado mañá mesmo", subliñaron no Ministerio. O Executivo explicou que a adxudicación do contrato se publicou o 17 de abril e foi ACSM a gañadora da licitación para baixar ao barco afundido.

A partir de aí, abriuse un prazo de 15 días hábiles para a interposición de recurso, que terminou o 10 de maio. O xoves 11 emitiuse o certificado que sinala que non se presentou recurso á adxudicación e remitiuse o expediente á intervención para que fiscalizase o compromiso.

Por iso, o venres procedeuse a asinar o compromiso, co cal, o seguinte paso é enviar o contrato á empresa para que o firme.

Demoras

"Na tramitación do expediente de contratación non se produciron demoras e o Ministerio fíxoo coa maior axilidade", reivindicaron as mesmas fontes, que engadiron que unha vez asinado o contrato a execución lle corresponderá á Comisión Permanente de Investigación de Accidentes e Incidentes Marítimos (CIAIM), que deberá dirixir o desenvolvemento do contrato no marco da súa independencia funcional.

Todo iso despois de que Cubeiro criticase, en declaracións a Europa Press, que, a pesar de que este luns terminaba o prazo para asinar o contrato, o Ministerio aínda non o enviou. Desta maneira, ameazou con non acometer a baixada ao barco se o Goberno non formalizaba o documento pronto.

O pesqueiro galego Villa de Pitanxo naufragou a 450 quilómetros da costa de Terra Nova (Canadá) en febreiro de 2022 e morreron 21 dos 24 mariñeiros a bordo. A partir de aí, as familias dos falecidos iniciaron unha serie de accións para tratar de esclarecer os feitos, polo que sempre pediron que se baixase ao barco para atopar probas do que puido ocorrer.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade