Talgo entregará os primeiros Avril o día 8
Talgo entregará os primeiros Avril o día 8
Puente di que "en cuestión de días ou, como moito, de semanas" comezarán a operar en Galicia, pero evitou dar unha data exacta polos incumprimentos anteriores de Talgo
O ministro de Transportes e Mobilidade Sostible, Óscar Puente, asegurou que Talgo lle trasladou que entregará os primeiros trens Avril de ancho variable a partir do próximo luns, 8 de abril.
En calquera caso, Puente non se comprometeu a que os trens estean entregados nesa data, debido aos atrasos que leva acumulando a compañía nos últimos anos, segundo lembrou nunha entrevista en Onda Cero.
"Talgo díxonos que os trens se entregarán a partir do 8 de abril, pero tamén nos dixo anteriormente que nolos entregaba o día 1 e isto non se produciu, así que non podo comprometer unha data. Pero si parece que estamos xa moi preto, estamos a falar probablemente de días ou como moito de semanas", explicou.
Estes trens destinaranse principalmente á conexión de Madrid con Galicia e con Asturias, rexións nas que é necesario que os trens cambien o ancho do seu eixe para poder seguir circulando a partir de Ourense e de Pola de Lena, mellorando desa forma os tempos actuais e as frecuencias.
Renfe descarta a reposición de trens
Os usuarios continúan reclamando a reposición dos servizos que desde o ano 2019, en plena crise da covid, continúan suprimidos. É o caso dos seis trens diarios que conectan Vigo e Pontevedra e tamén dos catro enlaces diarios con Valença.
A supresión dos enlaces con Valença afecta ademais ao Porriño e Tui, que quedaron sen estas conexións con Vigo e Portugal.
Pero a máis afectada é a liña do Miño, que non recuperou unha gran parte dos trens nas conexións con Ponferrada, nin os de longa distancia a Irún e os trens-hotel a Madrid e Barcelona.
Por outra banda, os horarios dos trens entre Galicia e Madrid sufrirán cambios a partir do oito de abril. O comezo das obras de ampliación na estación madrileña de Chamartín adiantará a saída do tren de primeira hora con destino á Coruña, e tamén sairá uns minuros antes o que realiza a ruta desde a Cidade Herculina a Ferrol.
O Goberno podería denunciar a Ouigo por prácticas desleais
O Goberno estuda acudir á Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) para denunciar a operadora de alta velocidade ferroviaria Ouigo por prácticas "profundamente" desleais, avanzou Puente.
O ministro volveu a insistir nas súas críticas contra a operadora francesa Ouigo por estar conformada por capital público que lle permite, dixo, vender billetes "moi por baixo" do seu custo real.
"Se a compañía francesa está na idea de perder diñeiro, non hai outra solución que subir os prezos", insistiu.
Puente sinalou sobre a liberalización ferroviaria en España que "o que ía ser unicamente unha competencia sa converteuse nunha guerra desde o primeiro minuto", e culpou diso a operadora Ouigo.
Para o titular de Transportes, a compañía francesa vende "moi por baixo" do custo e "arrastrou as outras dúas competidoras (Iryo e Avlo) a resultados "moi malos".
Puente avogou por "competir en enfrontamento limpo" no ámbito ferroviario e insistiu en que as tres operadoras nos corredores de Alta Velocidade "deben obter beneficios ou, como mínimo, que non teñan perdas".
Puente confía en que o transporte aéreo se vaia descarbonizando sen reducir o tráfico
Respecto á redución de emisións de CO2 e á ampliación do aeroporto de Madrid-Baraxas, cun futuro con maior tránsito de avións, Puente admitiu que "nun escenario de decrecemento non haberá descarbonización".
Segundo o seu criterio, o transporte aéreo irase descarbonizando a través doutras fórmulas, como o uso dos combustibles máis limpos ou os investimentos en novas tecnoloxías, "e non pola redución do tráfico aéreo".