O modelo de cidade quince minutos é aínda unha utopía nas grandes cidades galegas
O modelo de cidade quince minutos é aínda unha utopía nas grandes cidades galegas
Detrás dese modelo da cidade quince minutos, ter todas as necesidades cubertas nun radio dese tempo a pé ou en bicicleta, está un movemento baseado en repensar o modo de vivir neste século XXI.
Ese modelo de cidades quince minutos non é algo novo aínda que hoxe estea a debate. En realidade, o creador do concepto, Carlos Moreno, catedrático na Sorbona e asesor no concello de París, fala de quince minutos de proximidade a todo nas cidades e entre 30 e 40 minutos desde os territorios non urbanos, nas periferias menos poboadas.
A pandemia, e o teletraballo durante o confinamento puxo en cifras o que moitos xa intuían. Non desprazarse a traballar e facer a vida a pé, preto da casa mellorou a calidade de vida do planeta e dos seus habitantes.
Agás Pontevedra, que desde hai moitos anos aposta pola sostibilidade e a peonalización, o resto das cidades galegas están aínda lonxe dese canon. Aínda así, cada vez máis xente comprende, de punta a punta do país, que a calidade de vida e a subsistencia da terra pasa por xeitos de vida máis sans, eficientes e menos contaminantes.
En 24 anos Pontevedra deu un xiro radical na organización do tráfico. Non é exactamente unha cidade quince minutos pero si a máis semellante a ese modelo, peonalizada e co tránsito de coches moi restrinxido.
En cidades coma Vigo, e tamén ocorre na outra cidade grande galega, A Coruña, con áreas metropolitanas moi poboadas, onde a xente se despraza a traballar a diario ás capitais, maiormenrte en coches particulares, non é doado implantar ese modelo cidade quince minutos.
Na última década no que se avanzou foi na creación de carrís bici e na peonalización, sobre todo das zonas vellas.