Publicador de contidos
Publicador de contidos

O mosquito tigre chega por primeira vez a Galicia

O mosquito tigre chega por primeira vez a Galicia

Pode provocar alerxias graves e tamén transmitir enfermidades coma o dengue, a febre amarela ou o zika

Os primeiros exemplares detectáronse en Moaña

G24.gal 09/08/2023 16:10 Última actualización 10/08/2023 15:03

Detectan por primeira vez en Galicia exemplares de mosquito tigre. Apareceron no concello de Moaña, na provincia de Pontevedra.

Estes insectos poden transmitir enfermidades coma o dengue, a febre amarela ou o zika, máis propia de zonas tropicais.

O mosquito tigre Aedes Albopictus ten de 5 a 10 milímetros de lonxitude, é de cor negra cunha liña branca lonxitudinal central no tórax e a cabeza e con patas con bandas negras e brancas.

Cría en pequenos recipientes que acumulan auga estancada durante máis dunha semana.

Por iso, a Xunta recomenda nun comunicado revisar os bebedoiros de mascotas, floreiros ou pratos situados baixo as macetas para evitar hábitats propicios para o desenvolvemento do mosquito.

Tamén se aconsella á poboación utilizar repelentes eficaces para minimizar a picadura, que adoita ser moi molesta e pode xerar reaccións alérxicas graves.

O Sergas convoca unha reunión con expertos e co concello de Moaña

 Os oito exemplares de mosquito tigre que foron atopados esta semana en Galicia non eran portadores de enfermidades, segundo confirmou este xoves a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán.  

Tal e como explicou Durán, estes mosquitos foron atopados por un cidadán que os identificou a través da aplicación 'Mosquito Alert', mediante a cal é posible enviar fotos de mosquitos para saber o seu espécime   Unha vez identificados, a Xunta seguirá os protocolos existentes para estes casos de aparición do mosquito.

"Estamos no escenario un, en que temos detectado que hai mosquitos tigre, pero non hai ningún paciente con enfermidade nin se detectou a enfermidade", explicou a directora.    Ademais, Durán comunicou que unha comisión técnica reunirase este venres para decidir que medidas se tomarán para a vixilancia e o control dos mosquitos tigre en Galicia.  

En canto ás causas da aparición deste tipo de mosquito na Comunidade Autónoma, a directora xeral sinalou que os estudos apuntan a que a choiva seguida do sol favorece a proliferación destes animais, que adoitan proceder doutro lugar.   "Non cremos que sexan autóctonos. É moi probable que sexan doutro lugar. Isto aconteceu exactamente igual en todo o mediterráneo español, aconteceu no País Vasco, en Asturias e en Baleares", explicou Durán.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar