Alerta pola presenza de anisakis en peixe de Marrocos
Alerta pola presenza de anisakis en peixe de Marrocos
Limpar ben o peixe, conxelalo e cociñalo a máis de 60 graos pode evitarnos un susto
Pode provocar problemas dixestivos como náuseas, vómitos ou dor abdominal
A Unión Europea emitiu unha alerta sanitaria grave pola presenza de anisakis nunhas ovas de pescada procedentes de Marrocos e que tiñan como destino España. Xa foron retiradas do mercado.
A presenza de anasakis é cada vez máis habitual. Trátase dun parasito, semellante a un verme, que podemos atopar no peixe fresco, agás o de piscifactoría, e tamén nos cefalópodos.
"Adoita estar na pescada, no peixe sapo... en moitos peixes, cada vez en máis. Vémolo na barriga", asegura unha praceira de Vigo.
O anisakis atopámolo sobre todo na zona das vísceras, e por iso é importante limpar ben o peixe. Para eliminalo debe conxelarse o peixe a -20 graos durante cinco días, ou ben cociñarse a máis de 60 graos.
O consumo de peixe con anisakis pode provocar problemas dixestivos como náuseas, vómitos ou dor abdominal, pero tamén, nun 10 % dos casos, acaba en alerxia.