Exposto no Gaiás o mural de Lugrís "Translación do corpo do Apóstolo a Santiago"
Exposto no Gaiás o mural de Lugrís "Translación do corpo do Apóstolo a Santiago"
En 2022 a Xunta adquiriu o mural, que representa "un compromiso co legado do artista" cando se cumpren 50 anos do seu pasamento
A obra forma xa parte da colección permanente do Museo da Cidade da Cultura
En Compostela, desde este sábado podemos contemplar a pintura mural "Translación do corpo do Apóstolo a Santiago" do artista galego Urbano Lugrís na Cidade da Cultura. Forma xa parte da colección permanente do Museo Gaiás. A Xunta recuperou e restaurou esta obra para o patrimonio público e como un compromiso co legado do artista cando se cumpren 50 anos do seu pasamento.
A obra co título realizouna o recoñecido pintor galego Urbano Lugrís nos anos 50. Despois de certo periplo en 2022 a Xunta adquiriu o mural. Tras unha ardua restauración exhíbese desde esta fin de semana no Museo Gaiás.
Na inauguración estivo presente o consellerio de Cultura e Educación, quen destacou que esta adquisición representa "un compromiso co legado do artista e coa importancia da súa pegada na arte galega".
"Lugrís foi un pintor tremendamente importante no século pasado. Estase a facer un traballo por parte dos responsables das áreas museográficas e artísticas da Xunta de Galicia tremendamente significativo para poñer en valor a nosa cultura", di o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez.
A obra de Lugrís está realizada coa técnica de pintura mural sobre parede de cemento, ladrillo e estucado. Ten un marco de ferro que serve de soporte ao conxunto. O artista reinterpreta cunha ollada onírica o relato da traslatio do corpo do Apóstolo ao seu sepulcro en Compostela.
"Ten moito peso, arredor de 500 quilos, e tiña levantamentos da película pictórica, algo de sucidade superficial e algún desprendemento", destaca Andrés Martínez, restaurador de obras de arte na Cidade da Cultura.
Este mural é unha das achegas coas que a Xunta quere homenaxear a obra e o legado de Urbano Lugrís cando se cumpren 50 anos do seu falecemento.