O naufraxio do Villa de Pitanxo segue en fase de instrución no segundo aniversario
O naufraxio do Villa de Pitanxo segue en fase de instrución no segundo aniversario
O Villa de Pitanxo afundiuse a 250 millas de Terra Nova cun forte temporal
Rescataron tres tripulantes vivos e nove cadáveres e hai outros doce desaparecidos
O informe das imaxes do barco afundido reforza a postura das familias das vítimas e cuestiona a versión do capitán e a armadora
O 15 de febreiro de 2022 saltaban as alertas polo naufraxio do Villa de Pitanxo en augas de Terra Nova, no medio dun forte temporal que complicaba o rescate tanto polas condicións do mar, con ondas de máis de dez metros, como pola gran distancia do caladoiro ata a costa, unhas 250 millas. Foron outros pesqueiros que estaban na zona os que lograron rescatar tres superviventes e nove cadáveres. Os outros doce tripulantes do arrastreiro de Marín desapareceron no que se convertía na maior traxedia da frota española en 40 anos.
Nun primeiro momento a versión dos superviventes atribuía o sinistro a un fallo repentino do motor, pero xa de volta en España Samuel Kwesi corrixiu a súa declaración, contradicindo as do capitán e o seu sobriño.
Isto reafirmou a demanda dos familiares das vítimas, que pedían desde un principio que se esclareceran as causas do afundimento. Non lles cadraba que un pesqueiro deste tipo, de 50 metros de eslora e con menos de 20 anos de antigüidade, puidese ir a pique en minutos.
A súa persistente demanda de que se baixase a inspeccionar o barco foi por fin reafirmada desde a vía xudicial. O informe realizado polos peritos designados pola Audiencia Nacional a partir das gravacións realizadas este verán apuntan cara ao capitán, José Enrique Padín, como responsable do naufraxio, ao non valorar cabalmente a manobra de desembarre do aparello cun temporal tan forte. Sinalan tamén que tardou en dar a orde de abandonar o barco e descartan que houbese unha parada previa do motor.
Ese informe será clave no xuízo para aclarar as responsabilidades do capitán e da armadora, no caso que segue en fase de instrución por vinte e un presuntos homicidios por imprudencia grave.