Publicador de contidos
Publicador de contidos

Emprendedores tecnolóxicos comparten experiencias en Santiago

Emprendedores tecnolóxicos comparten experiencias en Santiago

Galicia conta con base tecnolóxica emprendedora con proxección internacional

A pandemia deixou un aumento moi notable de traballadores a distancia no sector

Emprendedores como Paulo Rodríguez contaron no Nosday a súa experiencia
G24.gal 17/09/2022 21:14 Última actualización 17/09/2022 21:43

Emprendedores do mundo da tecnoloxía celebraron unha sobremesa en Santiago para compartir as súas experiencias no mundo dos proxectos innovadores tecnolóxicos.

Foron conversas sobre como botar a andar un negocio sen fracasar no intento ou como atopar investidores que aposten por un produto do ecosistema dixital.

Escoitamos falar do crecemento das startup sen que acabe de ser un mundo tanxible para moita xente. Sabemos que son empresas emerxentes que desenvolven produtos ou servizos innovadores na rede e que o mercado demanda o seu traballo.

Máis de 150 emprendedores tecnolóxicos participaron neste encontro, o Nosday, para compartir as súas experiencias neste mundo. Carme Pumariño, organizadora do evento, detallaba os participantes do Nosday deste ano.

"Todos os anos intentamos traer xente que lidera empresas de emprendemento que funcionan moi ben, a nivel nacional e internacional, e tamén sempre intentamos ter unha pílula de galegos aos que lles está indo moi ben, como acabamos de ver".

Paulo Rodríguez Fernández era un daqueles rapaces que a principios dos anos 2000 traballaba no Xuventude Galicia Net como monitor.

Desde entón pasou por Amazon, Google, Dropbox e agora traballa en Dublín como director de estratexia internacional de Vanta, unha empresa de ciberseguridade e relatou a súa experiencia como unha aposta polo que realmente o motivaba.

"Un pouquiño o que eu quería facer é axudar á xente que está arrincando no mundo do emprendemento a levantar o país a base de montar tecnoloxía e facer cousas moi chulas, que se fan en Galicia, e darlles un pouco a visión da experiencia de que nas empresas grandes todo parece moi chulo pero é un pouco apañado ás veces". 

Cos seus avós como referentes de emprendemento doutra época, Paulo recoñece a valía dos emprendedores galegos nun momento en que xa é posible traballar desde aquí.

"Eu creo que unha das cousas positivas que nos trouxo a pandemia nestes últimos anos foi que as fronteiras se difuminaron. A realidade é que non precisas estar noutro sitio, podes facelo desde aquí. O que quitamos de enriba foi esa carga de dicir que nós non podemos. Si que podemos, temos as ferramentas para facelo e só hai que baixar á trincheira e cavar".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade