O novo regulamento de control de pesca abre un novo escenario para o sector
O novo regulamento de control de pesca abre un novo escenario para o sector
Os barcos de máis de 18 metros deberán contar con cámaras para controlar a súa actividade
Todas as embarcacións pesqueiras deberán contar con sistemas de rastrexo de posición
A marxe de tolerancia, diferenza permitida entre as estimacións de captura e a cifra da pesada, será do 10 % con carácter xeral
As institucións da Unión Europea lograron este mércores un acordo sobre o novo regulamento de control de pesca, que entre outras cousas impón a obriga de instalar cámaras a bordo en barcos de máis de 18 metros de eslora para supervisar o cumprimento da obrigación de desembarque.
O acordo a nivel político alcanzado hoxe entre os negociadores do Parlamento Europeo e os Estados membros debe ser referendado agora por ambas as partes e chega cinco anos despois de que a Comisión Europea presentara a súa proposta, en maio de 2018.
Ese borrador lexislativo que expuxo de 2018 suscitara polémica no relativo a proposta para obrigar a instalar cámaras de circuíto pechado, o control da potencia dos motores e as chamadas marxes de tolerancia, que é a diferenza permitida entre as estimacións de captura anotadas no diario de pesca e a cifra da pesada.
Ata catro anos para entrar en vigor
O novo regulamento actualiza arredor do 70 % das normas de control pesqueiro e a súa entrada en vigor oscilará entre os 2 e os 4 anos, en función da medida concreta, co obxectivo de dar tempo ao sector para adecuarse ao novo marco.
Tanto a Eurocámara como os Vinte e sete relaxaron a proposta inicial de Bruxelas e finalmente acordaron que todas as embarcacións de máis de 18 metros que "poidan supoñer un risco de incumprimento" teñan que instalar sistemas electrónicos de supervisión, entre os que se inclúen as citadas cámaras.
Sistemas para rastrexar a posición de todas as embarcacións
Ademais, os gobernos europeos terán que poñer en marcha sistemas para rastrexar a posición e o movemento de todas as embarcacións pesqueiras, incluídas as de menos de 12 metros.
Con todo, os Vinte e sete poderán decidir eximir aos barcos máis pequenos desta obrigación de permanecer localizable en todo momento baixo "circunstancias xustificadas" ata 2030, informa o Parlamento Europeo.
A marxe de tolerancia será do 10 % con carácter xeral
Con respecto á marxe de tolerancia, os negociadores establecérono nun 10 % con carácter xeral, aínda que será do 20 % para a pesca de pequena escala e para todas aquelas especies capturadas cuxo peso en total non exceda os 100 quilogramos.
No caso de pequenos peláxicos, pesca industrial e atún tropical, a marxe de tolerancia será do 10 % de toda a cantidade rexistrada e aplicaranse "estritas condicións de control".
Sancións, pesca deportiva e potencia das embarcacións
O novo regulamento tamén busca harmonizar as sancións nacionais por incumprimento e, para ese efecto, ambas as institucións pactaron que as multas mínimas quedarán definidas polo valor dos produtos capturados pola embarcación sancionada en casos de "violacións graves". Se as infraccións son reiteradas, a multa poderá ser incluso o dobre da media dos produtos capturados.
Doutra banda, inclúese a pesca recreativa dentro do regulamento de control de pesca, tamén en canto á imposición de sancións e para iso obrigarase aos Estados membros a introducir sistemas de datos con información sobre capturas non comerciais, como as que derivan de competicións deportivas e actividades turísticas.
Con respecto á potencia motriz das embarcacións, a nova normativa obrigará a grandes buques a estar equipados con dispositivos que midan a capacidade do seu motor co obxectivo de garantir que a mesma queda dentro dos límites establecidos na Política Pesqueira Común da UE.