O Observatorio contra a Violencia de Xénero reclama comunicación entre xulgados para protexer vítimas
O Observatorio contra a Violencia de Xénero reclama comunicación entre xulgados para protexer vítimas
O Observatorio contra a Violencia de Xénero reclama comunicación entre xulgados para protexer vítimas
Ángeles Carmona, presidenta do Observatorio, salienta que España é un país á vangarda na loita contra a violencia machista, e non se poden dar pasos atrás
É preciso, insiste, que as mulleres confíen no traballo das institucións para que denuncien
No que vai de ano, xa son once as mulleres asasinadas por violencia machista en España. Tamén un menor de once anos, asasinado polo seu propio pai a principios do mes de abril en Sueca, Valencia.
Con estes datos sobre a mesa, a Radio Galega entrevistou este xoves á mañá a Ángeles Carmona, presidenta do Observatorio contra a violencia doméstica e de Xénero.
Carmona cualifica de intolerable o feito de ter que seguir aturando este tipo de violencia contra as mulleres e contra os menores, os máis vulnerables da sociedade, e fillos das vítimas.
Explica que o Observatorio fai un seguimento pormenorizado dos asasinatos en que existe denuncia previa, non obstante, fala de "fallo do sistema" referíndose a todos os crimes cometidos, independentemente de que existan ou non estas denuncias.
"O que non podemos permitir é que cando exista unha denuncia, unha muller sufra a maior dor cando un dos seus fillos é asasinado a mans do seu propio pai", aclara.
Referíndose en concreto ao parricidio de Sueca, argumenta que a Lei orgánica de protección da infancia e adolescencia, en vigor desde o pasado ano, obriga a suspender o réxime de visitas nos casos de antecedente por maltrato.
"Pedimos comunicación inmediata e en tempo real entre tódalas institucións. Órganos xudiciais, forzas e corpos de seguridade do Estado e servizos asistenciais", engade.
Carmona reclama intercambio de datos en tempo real entre os xulgados de familia e os de violencia da muller coa fin de tecer unha rede de protección eficaz ás vítimas.
"Esa comunicación debe facerse cando se pon a denuncia. Canto máis tempo pase, máis difícil será protexer a unha vítima".
Recursos
A presidenta do Observatorio fala de España como un país á vangarda na loita contra a violencia machista, imitada nas lexislacións doutros países da contorna e insiste, neste momento non se poden dar pasos atrás.
"As mulleres teñen que confiar nas institucións. Témolo que facer o mellor posible para que confíen en que denunciando van protexer a súa vida...aínda botamos de menos denuncias das mulleres e do seu propio entorno" manifesta.
Violencia intrafamiliar e violencia machista
En relación á Lei de violencia intrafamiliar, enriba da mesa nas Cortes de Castela e León, matiza Carmona que cómpre chamarlle "a cada cousa polo seu nome". A violencia machista é a que se exerce contra as mulleres e os seus fillos, e a intrafamiliar dáse con calquera outro membro da familia.
Matiza Carmona que a violencia intrafamiliar está protexida e especialmente condenada en España, así como a violencia doméstica, pero, neste punto non se pode desviar o foco.
"A violencia máis abundante é a que se exerce sobre a muller, e agora o que queremos é ampliar este concepto a todo tipo de violencia que se exerce sobre a muller, non só a parella".
Violencia vicaria e penas
Sobre a violencia vicaria, argumenta que desde o ano 2015, a Lei orgánica de Medidas de Protección ás Vítimas de Violencia de Xénero inclúe ós menores como vítimas directas nestes casos e que todos os delitos que se cometen contra eles están sendo instruídos por xulgados de violencia contra a muller.
En España actualmente, o asasinato dun menor está condenado coa pena máxima de prisión permanente revisable. Nos casos de violencia vicaria, engadiríanse agravantes de xénero e parentesco, remata.