O ourizo de mar duplicou o seu prezo nos últimos cinco anos
Ao levar tempo subindo de valor, boa parte do produto, considerado o caviar galego, remata no mercado internacional
Esta temporada da extracción do ourizo de mar comezou, na Costa da Morte, o pasado mes de xaneiro e os mariñeiros din estar encantados coa campaña.
Nos últimos cinco anos duplicou o seu prezo pasando dos case seis euros aos arredor de trece que custa hoxe.
Pero se botamos a vista aínda máis atrás, hai vinte anos, alá polo 2003, estaba estabilizado en euro e medio o quilo. E con esta cotización, o xa considerado como o caviar galego, chegou, proporcionadamente, a desprazar o percebe.
Contan os mariñeiros que un dos motivos polos que subira tanto non é pola demanda senón pola pouca oferta.
Uns prezos que para os principais consumidores, as conserveiras, resultan mesmo prohibitivos.
Agora teñen por diante oito días para rematar esta campaña, porque o vindeiro 1 de maio, o ourizo de mar quedará vedado.