O parricida de Barcelona prendeu un braseiro para matar os seus dous fillos
O parricida de Barcelona prendeu un braseiro para matar os seus dous fillos
Os Mossos d'Esquadra pensan que o pai matou os seus fillos, Xavi, de dez anos, e Noa, de 7, para atacar a nai
O presunto parricida de Barcelona matou os seus dous fillos para causarlle un dano irreparable á nai e suicidouse. É a principal hipótese da policía xudicial dos Mossos, co que se trataría dun novo caso de violencia vicaria. Nos últimos dez anos, 52 nenos e nenas foron asasinados polos seus pais ou parellas das súas nais.
Os Mossos d'Esquadra pensan que o pai matou os seus fillos, Xavi, de dez anos, e Noa, de 7, para atacar a nai. A Fiscalía da Sala de Violencia sobre a Muller explica que non hai maneira de provocar dano máis grande a unha nai que matando os seus fillos. É a violencia vicaria.
A Policía Autonómica de Cataluña sospeita que o home prendeu un braseiro e bloqueou as saídas de aire da casa, o que provocou a morte dos menores por inhalación de monóxido de carbono. Estase á espera do resultado da autopsia para aclarar as circunstancias das mortes. Foi a nai quen se dirixiu persoalmente á casa da súa exparella, no barrio de Horta, ao saber que os nenos non foran á clase o primeiro día tras as vacacións de Nadal, e ao percibir un forte cheiro a gas alertou os bombeiros. A policía atopou os corpos dos nenos e o do presunto parricida, de 53 anos, dentro do piso.
A investigación está baixo segredo sumario no Xulgado de Instrución 26 de Barcelona. De confirmarse a natureza vicaria deste dobre crime, son xa 52 os nenos e nenas asasinados en España polos seus pais ou polas parellas ou exparellas das súas nais; 3 deles en Galicia. No teléfono 016 aténdese todas as vítimas da violencia machista as 24 horas do día.