O Papa mellora pero non aconsellan que celebre o rezo do "angelus"
O Papa mellora pero non aconsellan que celebre o rezo do "angelus"
Vai permanecer ingresado no hospital Gemelli de Roma polo menos unha semana máis
O papa Francisco mellora tras a súa operación do mércores pasado por unha hernia abdominal, pero o persoal médico desaconsella que faga esforzos e, polo tanto, que celebre publicamente o rezo do angelus este domingo dende o hospital Gemelli de Roma.
"Nos últimos días suspendeuse todo tratamento por vía venosa e aliméntase cunha dieta semilíquida. Está apirético (sen febre) e hemodinámicamente estable. As súas análises de sangue e a radiografía de tórax postoperatoria son boas", explicou o cirurxián Sergio Alfieri nunha rolda de prensa.
O doutor tamén subliñou que "o Papa non tivo ningún tipo de problema cardíaco nin sufriu infarto ningún" e que vai continuar ingresado, polo menos, durante toda a semana vindeira para que a cicatrización sexa axeitada.
"A recuperación total é de tres meses para todo o mundo. É moi importante que volva ao traballo fisicamente forte. Pero nós podemos suxerirllo, porque é el quen decide", explicou.
Na súa hospitalización anterior, en xullo de 2021 por unha operación de colon, rezou o angelus, "pero despois de sete días e non tivo que repousar a parede abdominal".