Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Parlamento venezolano insta a Maduro a romper relacións con España

O Parlamento venezolano insta a Maduro a romper relacións con España

A Asemblea Nacional, controlada polo chavismo, aprobou este martes un acordo que insta o Goberno a romper as relacións diplomáticas, consulares e comerciais con España, en resposta á decisión do Congreso español de recoñecer o opositor Edmundo González Urrutia como gañador das presidenciais de xullo

G24.gal 08/10/2024 23:49

O Parlamento de Venezuela, controlado polo chavismo, aprobou este martes un acordo que insta o Goberno de Nicolás Maduro a romper as relacións diplomáticas, consulares e comerciais con España, en resposta á decisión do Congreso español de recoñecer o opositor Edmundo González Urrutia, exiliado en Madrid, como gañador das presidenciais do 28 de xullo.

O acordo pide ao Goberno avaliar, "nun tempo perentorio, a ruptura de relacións" co Reino de España, e unha "acción recíproca pola brutal e inxerencista proposición adoptada no Congreso dos Deputados" do país europeo contra "a institucionalidade venezolana".

Ademais, o documento aprobado rexeita "categoricamente" a "nefasta resolución promovida pola dereita fascista do Congreso" español, ao que exhorta a respectar "a decisión do pobo venezolano, que elixiu soberanamente a (...) Nicolás Maduro como presidente".

Este acordo apróbase case un mes despois de que o pasado 11 de setembro o presidente da Asemblea Nacional (AN), o chavista Jorge Rodríguez, solicitase á Comisión de Política Exterior unha reunión inmediata para elaborar unha resolución que pida "ao Goberno da República Bolivariana de Venezuela que rompan de inmediato todas as relacións" con España.

Entón, o deputado pediu que a resolución estableza que "todas as actividades de índole comercial de empresas españolas sexan cesadas de inmediato", en resposta ao que considerou como "o atropelo máis brutal" de España contra Venezuela "desde os tempos" en que o país caribeño loitou pola súa independencia, en referencia á decisión do Congreso.

O pasado setembro, o Congreso español, co voto en contra do gobernante PSOE, aprobou unha proposición non de lei impulsada polo PP na que pide ao Goberno recoñecer como presidente de Venezuela a González Urrutia, quen chegou a Madrid o día 8 dese mes para buscar asilo ante a persecución que asegura sufrir no seu país.

Con todo, o Goberno de Pedro Sánchez, polo momento, non recoñeceu o opositor como presidente electo, como solicitaron os partidos que votaron a favor, entre eles, os opositores Partido Popular e Vox. 

A controvertida reelección de Maduro foi proclamada polo Consello Nacional Electoral (CNE) con base nuns resultados que aínda se descoñecen de forma desagregada, e é rexeitada e sinalada como "fraudulenta" pola oposición maioritaria, a Plataforma Unitaria Democrática (PUD), que reivindica a vitoria de González Urrutia. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade