O Parque Nacional das Illas Atlánticas repite como destino turístico Starlight
O Parque Nacional das Illas Atlánticas repite como destino turístico Starlight
A Federación Galega de Astronomía coordina un programa de actividades para observar os ceos de día e de noite
O Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas repite como destino turístico Starlight cunha completa programación de actividades astronómicas.
A Federación Galega de Astronomía e Radioastronomía (Fegar) dirixe e coordina as distintas accións de dinamización previstas para difundir a calidade dos ceos deste espazo que conta co selo avalado pola Unesco dende 2016.
As actividades contan coa colaboración e apoio loxístico do persoal do Parque Nacional, son de carácter gratuíto e están dirixidas a distintos sectores da cidadanía, incluído o público infantil.
O obxectivo é diversificar o uso público das illas e dar a coñecer unha parte destacada dos seus recursos naturais.
Os destinos Starlight son lugares visitables que gozan dunhas condicións óptimas para a contemplación dos ceos estrelados ao estar protexidos da contaminación luminosa.
Programación
A programación prevista para este verán, financiada polo Parque Nacional, prolongarase ata o 11 de setembro e inclúe observacións tanto diúrnas como nocturnas nas que se pon ao dispor das persoas participantes material óptico de última xeración e equipos electrónicos.
Para poder participar nalgunha destas accións, hai que inscribirse previamente na propia illa e os grupos organízanse alí mesmo. O ano pasado, 5.660 persoas participaron nas actividades do programa nos arquipélagos.