O párroco de Vilardevós ten milleiros de seguidores nas redes sociais
O párroco de Vilardevós ten milleiros de seguidores nas redes sociais
Chegou hai catro meses desde Venezuela
Ocúpase de sete parroquias no concello de Vilardevós
Os seus seguidores en redes aumentaron ao retransmitir as misas por Internet na pandemia
"Este continente dixital hai que evanxelizalo tamén. Hai moita xente metida nos teléfonos e a esa xente hai que falarlle de Deus. As redes sociais foron para min un medio, unha ferramenta", explica o párroco David Roa.
E foi así como na pandemia comezou a retransmitir as misas a través de Internet.
"Primeiro por Instagram e despois por Facebook ou por Youtube, utilizaba todas as plataformas, e aí empezaron a crecer os seguidores".
Ten o seu público en Tik Tok, algo máis dun milleiro de seguidores, 20.000 no Instagram e tres veces máis en Facebook.
"Os seguidores de Facebook son moi variados e de distintos países, os de Instagram son máis de Venezuela, incluso dos Estados Unidos, e de moitos venezolanos que están noutros países".
O caso é que os seus seguidores aumentan pero tamén o número de fregueses que van á igrexa. O seu éxito nas redes xa é ben coñecido por todos.
"Pois agora si, eu non o dixera moito. Teño o proxecto de seguir transmitindo as misas dende aquí, dende estas igrexas. Teño que organizarme co son porque iso tamén dá traballo, os trípodes para o teléfono… para que isto sexa posible".
Semella que grazas ás redes pouco a pouco vaille pesando algo menos a morriña e apunta que se de algo non hai queixa é da conexión a Internet.