Publicador de contidos
Publicador de contidos

O peche da rede de cobre de Telefónica ameaza a conexión de 100.000 fogares galegos

O peche da rede de cobre de Telefónica ameaza a conexión de 100.000 fogares galegos

O apagamento dará paso á fibra óptica, que aínda non chega a todas as partes

 

G24.gal 06/04/2024 21:03 Última actualización 06/04/2024 22:59

O peche paulatino anunciado por Telefónica das 8.526 centrais de cobre que hai en España, que se intensificará este mes coincidindo co centenario da compañía e completarase previsiblemente en maio do ano próximo, deixará sen servizo de liña fixa e ADSL máis de 100.000 fogares galegos.

Segundo os datos publicados en marzo pola Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) e o Instituto Nacional de Estatística (INE), 104.100 familias que contan en Galicia con servizos contratados de cobre quedarán illadas no caso de non completar a migración á fibra óptica.

Telefónica puxo en marcha o proceso progresivo de peche no ano 2014 e anunciou a despregadura dunha rede de fibra óptica (FTTH) chamada a dar cobertura en dez anos a todo o territorio nacional.

A multinacional das telecomunicacións, que o vindeiro 19 de abril cumprirá 100 anos de historia, estableceu o seu centenario como data límite para a migración da clientela, inaugurando a recta final dun proceso de apagamento completo que agarda culminar antes do 27 de maio de 2025.

O peche, previsto para este ano, das máis de 600 centrais de cobre que continúan funcionando en Galicia podería afectar á conectividade de 39.400 fogares na provincia da Coruña, 16.600 en Lugo, 16.300 en Ourense e 31.800 en Pontevedra.

"Se tes contratado un produto de cobre con calquera operador e o teu fogar está baixo o paraugas dunha das centrais afectadas polo peche, terás que cambiarte a unha oferta alternativa, seguramente con fibra ou radio. A túa nova instalación será totalmente gratuíta e ademais poderás conservar o teu número de teléfono actual", explican desde a CNMC, o organismo encargado de regular os procedementos para garantir que os operadores poidan ofrecer un servizo alternativo.

Fibra para case todo o mundo

A compañía asegura que o seu obxectivo é acadar a "cobertura total" do territorio a través da fibra óptica, que proporciona maiores prestacións, consome 18 veces menos e reduce o impacto ambiental. Porén, a FTTH dista aínda de ser unha realidade ao alcance de todo o mundo.

Segundo os últimos datos dispoñibles publicados polo Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública, datados en xuño de 2022, en Galicia había 388.095 vivendas sen conexión mediante fibra óptica e cunha conexión a Internet inferior aos 100 Gbps de velocidade.

Dito doutro xeito: só o 63 % dos fogares da provincia de Lugo, o 72 % dos de Ourense, o 81 % dos de Pontevedra e o 83 % dos da Coruña contaban cunha cobertura de fibra axeitada. A situación, a pesar de que non existen datos actualizados para corroboralo, cambiou bastante desde entón.

Operadores como Adamo, que ofrece servizos de fibra óptica en zonas rurais, principalmente da provincia de Lugo; ou compañías como Rede Aberta, con presenza en 105 municipios galegos, sobre todo da Coruña e Pontevedra; redobraron os seus esforzos.

A despregadura da rede de fibra está a ser financiada en todo o territorio a través do programa UNICO-Banda Ancha do Estado con fondos europeos do Plan de Recuperación.

É un modelo de colaboración público-privado no que as comunidades autónomas, explican desde a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), "non teñen ningunha competencia".

Radio enlace, un salvavidas rural

A fibra óptica perfílase como a única opción posible, pero o risco de desconexión segue existindo en moitos núcleos rurais de Galicia, afectados pola dispersión territorial, o envellecemento da poboación, o illamento xeográfico e o rigor dunha orografía que encarece a chegada da fibra.

En moitos destes casos é onde o radio enlace ou a conexión por radio impúxose como a mellor alternativa.

En Penarrubia, un pequeno núcleo situado a pouco máis de seis quilómetros da muralla de Lugo e pertencente a este termo municipal, non existe cobertura de fibra óptica.

"Aquí temos Internet por radio. Temos un módem que vai cunha tarxeta de móbil dentro. É a única opción que nos deron", asegura Antía, residente nesta aldea situada a cinco minutos en coche da capital.

Para Manuel, veciño da aldea de Vilasante, no arrabalde de Sarria, a conexión por radio constitúe tamén a única vía para manterse conectado.

"Aquí arriba hai unha antena que conecta directamente co router. Non será como a fibra pero o Internet vai rápido. É unha solución moi boa. Agora teño 4G pero hai casas ás que xa está a chegar o 5G", explica.

As conexións a Internet por radio enlace wifi, mediante ondas de radio que facilitan a transferencia de información entre diferentes puntos, son de fácil instalación e proporcionan cobertura a zonas onde é difícil dar servizo con outras tecnoloxías.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade