Comeza a suba de prezos do peixe e do marisco a dúas semanas da Noiteboa
Comeza a suba de prezos do peixe e do marisco a dúas semanas da Noiteboa
As peixeiras amósanse satisfeitas coa evolución das vendas
As carnicerías comezaron a recibir encargas a principios de mes
A finais de novembro xa vendían peixe e marisco que se vai servir durante o Nadal. As persoas previsoras, as que mercan con tempo para conxelar, este ano adiantaron algo máis as compras e as peixeiras están moi satisfeitas coa evolución das vendas.
Os que agardaron a esta semana, puideron comprobar que os prezos comezaron a subir, aínda que, polo momento, non se dispararon. Os lagostinos ou os camaróns, por exemplo, están entre cinco e dez euros máis caros que a semana pasada, pero outros mariscos, como as centolas, mantéñense bastante estables.
O percebe máis grande está a 80 euros, a nécora oscila entre os 45 e os 75. Nas carnicerías a dinámica é distinta. Os prezos non oscilan e non hai sorpresas. Nos despachos de carne cren que a semana que vén será a de máis encargas, pero xa teñen moitos pedidos.
A xente opta por encargar carnes xa asadas, como os lacóns, que ademais, saen ben de prezo. Como as súas compañeiras das peixerías, as súas expectativas para as festas son moi boas.