O plan Renova o Teu Vehículo leva máis de 750 solicitudes en dez días
O plan Renova o Teu Vehículo leva máis de 750 solicitudes en dez días
O director xeral de Planificación Enerxética asegura que aínda queda máis dun millón de euros de investimento
O plan Renova o Teu Vehículo da Xunta para este 2024 leva xa 751 solicitudes presentadas en apenas 10 días dende que o 17 de xaneiro abriu o prazo para solicitar estas achegas para cambiar de automóbil.
O director xeral de Planificación Enerxética da Xunta, Pablo Fernández Vila, así o aseverou nunha entrevista no Galicia por diante fin de semana da Radio Galega. Segundo explicou, das 751 solicitudes presentadas, 734 son de particulares, 13 de empresas e 6 de autónomos.
As subvencións poden solicitarse ata o 30 de setembro ou ata que se esgoten os fondos, uns 3 millóns de euros. Segundo Fernández Vila, aínda hai marxe para seguir presentado solicitudes porque queda máis dun millón de euros dos investimentos. O balance que tiraba da marcha do plan era "moi positivo".
"É moi positivo porque o número de solicitudes que se levan presentadas dende o pasado 17 de xaneiro, que foi o día de apertura do prazo de solicitudes, pois levamos 751 solicitudes que supoñen unhas axudas de 1.884.400 euros dun total de 3.000.000 euros de dotación orzamentaria".
Poderán acceder a este programa particulares, autónomos e empresas con carácter retroactivo desde o 1 de xaneiro. Terán que entregar un vehículo con máis de dez anos.
A cambio recibirán axudas de entre 3.000 e 4.600 euros por un vehículo (turismo ou furgoneta) de calquera tecnoloxía que non supere a emisión de 125 gramos de CO2.
Desta axuda, os 66 concesionarios adheridos ao programa asumirán 1.000 euros, a Xunta o resto. Estiman que uns 1.200 vehículos de máis de dez anos poidan renovarse ao abeiro deste programa Renova o Teu Vehículo.