Publicador de contidos
Publicador de contidos

A lei de recursos naturais supera o primeiro trámite con críticas de "feudalismo" á Xunta pola oposición

A lei de recursos naturais supera o primeiro trámite con críticas de "feudalismo" á Xunta pola oposición

BNG e PSdeG considera o texto un exercicio de greenwashing e o PP acúsaos de vivir instalados no "non a todo"

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, presenta a lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia no pleno do Parlamento de Galicia este martes (EFE / Xoán Rey). A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, presenta a lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia no pleno do Parlamento de Galicia este martes (EFE / Xoán Rey).
G24.gal 25/06/2024 08:36 Última actualización 25/06/2024 13:35

A lei de recursos naturais elaborada polo Goberno galego pasou o primeiro trámite parlamentario e inicia a súa tramitación na Cámara despois de superar, grazas á maioría absoluta do PP, as emendas de devolución solicitadas por BNG e PSdeG ao entender os primeiros que o texto outorga un poder "feudal" á Xunta para dedicir sobre os proxectos e os segundos consideralo un exercicio de greenwashing que, na práctica, supón unha "oportunidade perdida".

O debate arredor da denomidada Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia abriu a sesión ordinaria do pleno do Parlamento de Galicia este martes, coa conselleira de Economía e Infraestruturas, María Jesús Lorenzana, subida ao estrado para defender unha normativa que procede da anterior lexislatura.

Segundo a conselleira Lorenzana, a meta é a "descarbonización da economía"

Así, a primeira norma do Executivo galego que preside Alfonso Rueda nesta lexislatura busca, en palabras da responsable da área económica, "ordenar" o aproveitamento dos recursos naturais para "protexer" o medio ambiente e, ao mesmo tempo, "favorecer" a implantanción de iniciativas empresariais desde unha perspectiva "beneficiosa" para a sociedade galega.

Lorenzana sentenciou que Galicia está ante "un momento crucial" no seu "devir" no que se pode "pechar os ollos e bloquear o futuro" ou "avanzar cara a unha Galicia verde" e "autónoma", polo que o obxectivo da Xunta con esta lei é apostar polo "progreso" para que "os galegos do século XXII estean orgullosos" do que se empezou "a construír aquí".

"Temos o dereito e, sobre todo, o deber de coidar de Galicia e dos seus recursos; e de facelo aproveitando esto para os galegos", sentenciou a conselleira, que asegurou que a meta é converter a Galicia nun territorio "á cabeza" da descarbonización da súa economía e do "abaratamento da enerxía".

Para o BNG, o texto "aumenta a discrecionalidade" do Consello da Xunta

Os grupos da oposición, BNG, a través da súa deputada Noa Presas-, e o PSdeG, con Patricia Iglesias á palabra, coincidiron en cualificar o "discurso" que envolve este proxecto lexislativo en "palabrería bonita" e "unha sucesión de eufemismos" que se atopa "revoltos" nun texto que, tanto nacionalistas como socialistas, ven un "despropósito" a nivel normativo.

Así, Presas xustificou a petición de devolución do seu grupo por entender que se trata dunha lei "camaleónica" que "aparenta o que non é" e que poden carrexar "máis caos, desprotección e danos irreparables ao país" ao estar auspiciada pola influencia, segundo o Bloque, do "lobby eléctrico" na súa elaboración.

"Esto é un debate entre os que queren un futuro para Galicia e hai que elixir entre estar no lado de Galicia ou no do lobby eléctrico. Nós temos claro cal é o lado bo da historia", sentenciou Presas, que advertiu que o texto "aumenta a discrecionalidade" do Consello da Xunta para autorizar proxectos que teñan impacto sobre o medio ambiente e o territorio galego, o que a levou a lembrar que, o pasado luns, se reactivou o proxecto da mina de Touro por parte do Goberno galego.

Todo, "ignorando" o ditame do Consello Económico e Social, segundo Noa Presas, que lembrou que o "demoledor" informe do "maior organismo" de asesoramento para o Executivo autonómico puxo pegas ao texto ao considerar que podería ser "perigoso" para a Comunidade galega.

"Iso é o que queren: máis poder para seguir decidindo a dedo. Coma se esto fose o medievo e vostedes señores feudais", aseverou a deputada frontista, que puxo o foco sobre a contradición que aprecia nun PP "tan defensor do libre mercado" e que "despois o que quere é meter man" desde o poder lexislativo e executivo.

O PSdeG considera que se trata dun "despropósito normativo"

Para Patricia Iglesias, o proxecto de lei "tingue de cor verde" a xestión dos recursos naturais da Xunta pero, en realidade, demostra que Galicia ten "un goberno que está moi verde" á hora de "ordenar e planificar" as zonas onde se poden implantar proxectos.

Neste sentido, e tras reiterar que se trata dunha "oportunidade perdida" para avanzar cara a unha "planificación sensata e ordenada" dos recursos naturais para compasalo ao desenvolvemento industrial "respectuoso" co medio e o territorio, Iglesias dixo que a lei "ten unha cousa boa e outra mala".

"A boa é o título porque, evidentemente, necesitamos regular os recursos naturais de Galicia e apostar polas renovables. O malo, é todo o demais", espetou para, a continuación, cualificar de "despropósito normativo" un texto que ve "unha sucesión de eufemismos imperdoables".

Así, Iglesias defendeu que os socialistas avogan por un desenvolvemento industrial "de progreso, sostible e que permita cambiar o modelo de transición enerxética", obxectivos que, di, "non se constrúen a base de chíos" que expoñen dicotomías de "si ou non, de branco ou negro" sobre o impulso de iniciativas vinculadas ás renovables.

O PP acusa á oposición de vivir instalados no "non irracional a todo"

Por parte do PP, o seu voceiro parlamentario, Alberto Pazos Couñago, acusou aos grupos da oposición de vivir instalados no "non irracional a todo" a través de "mentiras" e "manipulación" asentada "na ingorancia" ou a "mala fe" sobre un texto que "non reduce nin unha soa esixencia para a implantación de industria neste país".

As críticas dirixíronse especialmente ao BNG, que Pazos rebautizou como o "be-non-gá, o Bloque Negacionista Galego", ao que pediu, nunha mensaxe tamén dirixida ao PSOE, que abandone o "partidismo e o cortoplacismo".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade