Publicador de contidos
Publicador de contidos

O PNV péchalle a porta ao PP para investir a Núñez Feijóo

O PNV péchalle a porta ao PP para investir a Núñez Feijóo

Os populares pecharon a rolda de contactos sen sumar novos apoios

Os nacionalistas rebaixan as expectativas de Pedro Sánchez para volver ser presidente

G24.gal 18/09/2023 20:18 Última actualización 18/09/2023 20:27

Os populares pechan os contactos previos á investidura de Núñez Feijóo sen sumar novos apoios.

"Despois do traballo levado a cabo nas últimas semanas conta co apoio de momento de 172 deputados", di Cuca Gamarra, portavoz do PP no Congreso, tras reunirse con Aitor Esteban, do PNV.

Os nacionalistas vascos confirman a reunión entre Núñez Feijóo e o presidente do PNV, Andoni Ortúzar, o pasado día 7. Pero manteñen a súa negativa á investidura do candidato popular.

"Dixemos moi claro desde o principio que non imos participar nunha investidura que precise os votos de Vox", di Aitor Esteban, portavoz do PNV no Congreso.

Sen garantir tampouco, polo menos de momento, a alternativa de Pedro Sánchez.

"Tivemos unha serie de contactos, pero non para decir que avanzamos. Non", asegura Esteban.

Igual que o PNV, os nacionalistas cataláns tamén rebaixan as expectativas de Pedro Sánchez. 

Marta Vilalta, portavoz de ERC, di: "É demasiado optimista o presidente do Goberno, porque de momento as negociacións non se intensificaron".

Así as cousas, os de Feijóo chaman os socialistas a sumarse ao acto de protesta contra a amnistía que celebrarán o domingo en Madrid.

"A todos, socialistas de carné, socialistas expulsados, socialdemócratas de corazón... a todos os que hoxe están preocupados porque hoxe se vai romper a igualdade entre todos os españois", di Borja Sémper, portavoz do PP.

Alberto Núñez Feijóo reuniuse cos presidentes da CEOE e de Cepyme. Os empresarios manifestáronlle o seu rexeitamento a unha amnistía, e reclamaron un pacto entre o PP e o PSOE como a mellor alternativa de Goberno. Núñez Feijóo reunirase tamén cos sindicatos antes de someterse, a semana que vén, á investidura.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade