Publicador de contidos
Publicador de contidos

Ismael Ramos: "Síntome moi orgulloso da literatura da que formo parte"

Ismael Ramos: "Síntome moi orgulloso da literatura da que formo parte"

O gañador do Premio Nacional de Poesía Joven 2022 considera que o galardón axuda a visibilizar o galego

O xurado define a súa obra Lixeiro como un canto xeracional desde o desencanto reconciliado

G24.gal 08/10/2022 08:30 Última actualización 08/10/2022 08:35

Feliz. Así se amosa o poeta Ismael Ramos, quen recibía a noticia no instituto de secundaria onde imparte clases.

"Recibín unha chamada e collina pensando que podía ser outra cousa e xa me dixeron: son a secretaria do ministro de Cultura, podo poñelo co señor ministro? E dixen si, faltaría máis".

O xurado do Premio Nacional de Poesía Joven Miguel Hernández 2022 destaca da súa obra Lixeiro a potencia imaxinativa poética e defínea como un canto xeracional desde o desencanto reconciliado.

"Eu escribín un libro nun momento vital no que tanto eu como moitos dos meus compañeiros da miña promoción, os meus amigos de toda a vida, nos atopabamos nun momento en que non sabiamos que ía ser de nós. O libro está escrito xusto antes da pandemia e cando saíu publicado en 2021 a incerteza xa non era xeracional, era histórica".

Rompendo coa temática de obras anteriores, en Lixeiro os poemas de Ismael Ramos falan da literatura como parte da vida. Entende que este premio, que outorga o Ministerio de Cultura, axuda a visibilizar as linguas cooficiais así como o valor da poesía galega.

"É algo do que debemos estar moi orgullosos. Eu xa só como lector, non falo xa como autor, síntome moi orgulloso da literatura da que formo parte pola súa calidade, entón claro que este premio para min ten un peso especial".

Confesa que xa está escribindo un novo proxecto e recoñece que este premio é un impulso para seguir facéndoo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade