Publicador de contidos
Publicador de contidos

Non ter conexión ferroviaria en Bouzas penaliza o porto de Vigo

Non ter conexión ferroviaria en Bouzas penaliza o porto de Vigo

"É a única gran terminal do noroeste español que non ten conexión por tren", di Jesús Vázquez Almuíña, presidente da Autoridade Portuaria

G24.gal 17/11/2022 13:48

O porto de Vigo vese penalizado pola falta de conexión ferroviaria na terminal de Bouzas, onde se cargan os vehículos. Si ten a de Guixar para outras mercadorías. Baixa un posto con respecto ao ano anterior e queda así penúltima na serie dos sete portos avaliados pola Asociación Nacional de Fabricantes de Automóbiles e Camións. Bouzas obtén unha puntuación de 3,7 sobre 5 malia ser a terminal que move máis vehículos ao ano. 

Jesús Vázquez Almuíña, presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, explica que "é a única gran terminal do noroeste español que non ten conexión ferroviaria. É unha eiva que temos que corrixir entre todos. O transporte ferroviario é fundamental e parte do futuro que Europa marcou para diminuír a pegada de carbono".

Trátase dunha vella demanda dos empresarios que reclaman xa datas concretas. "Estamos defendendo que o ferrocarril chegue aos portos e que existan cargas para que os portos teñan ese dinamismo co ferrocarril. O ministerio está aberto ás propostas", destaca Juan Vieites, presidente Confederación de Empresarios de Galicia.

Jorge Cebreiros, presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra, insiste: "Somos a fachada atlántica xunto con Leixões podemos facer fronte común para captar todos os tráficos que veñen de América, pero temos que seguir insistindo en que ten que haber prazos e non podemos seguir con estudos de viabilidade".

O último informe da Asociación de Fabricantes de Automóbiles e Camións sitúa o porto de Vigo no penúltimo posto nas súas valoracións entre os máis relevantes de España.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade