Publicador de contidos
Publicador de contidos

O PP acusa a oposición de lanzar loiadas nas redes sobre a vertedura de 'pellets' usando perfís falsos

O PP acusa a oposición de lanzar loiadas nas redes sobre a vertedura de 'pellets' usando perfís falsos

Podemos acusa o PSOE de usar os 'pellets' como tema de campaña en Galicia e de non ter interese en resolvelo 

A conselleira de Medio Ambiente preguntaralle ao Goberno que está a facer para reclamar a indemnización polos danos da vertedura

G24.gal 17/01/2024 18:06 Última actualización 17/01/2024 18:38

O PP di que ten probas da existencia dunha rede coordinada de perfís falsos nas redes sociais que estaría traballando para crear confusión entre a cidadanía. Os servizos xurídicos xa están estudando poñer o caso en mans da Fiscalía.

"Tiñamos a certeza, non tiñamos dúbidas, pero hoxe temos as probas que detallan unha trama de manipulación dixital vinculada á oposición, unha operación organizada de desinformación", di Paula Prado, secretaria xeral do PPdeG.

E din que estas son as probas, distintos perfís en redes sociais que, segundo os populares, infrinxen as regras da democracia.

"Isto non son cambios de opinión, son perfís falsos dedicados a mentir". "Que teñen en común? Pois a fronteira da China con Rusia, Filipinas, Polonia...", engade Paula Prado.

Porque tamén din que teñen probas de que operan dende o estranxeiro. Os servizos xurídicos do PP xa están estudando poñer o caso en mans da Fiscalía.

Podemos acusa a Sumar e o PSOE de manipular o caso politicamente para atacar a Xunta en plena precampaña e eludir responsabilidades. Os morados rexistraron unha petición para que España acuda ás instancias europeas para conseguir unha regulación máis estrita dos microplásticos.

"O que queremos é mover o debate público, mover o Goberno, que non está facendo absolutamente nada con esta cuestión, que ademais está utilizándoa como tema de campaña para golpear o Partido Popular da Xunta e non lle interesa que se resolva. O que lle interesa é facer campaña en Galicia e nós o que queremos son solucións eficaces e concretas, que vaian ao Consello Europeo e que se poñan en acción, como o fan cando queren", di Ione Belarra, secretaria xeral de Podemos.

A Consellería de Medio Ambiente xa enviou un informe detallado á Fiscalía, que investiga a chegada de boliñas de plástico. Ademais pídenlle ao Goberno central que aclare se xa lle reclamou á empresa responsable dos contedores a indemnización correspondente.

"Por parte da consellería de Medio Ambiente, o que imos facer é poñernos en contacto para ver que está facendo o Goberno para reclamar a indemnización dos danos derivados da perda deste contedor e da chegada dos 'pellets' á nosa costa", di Ánxeles Vázquez, conselleira de Medio Ambiente.

400 efectivos da Xunta traballan este mércores na recollida de 'pellets' en 58 praias de Galicia. 

 Xa recolleron 111 sacos de boliñas de plástico, o que supón máis de 2.000 quilos. Iso si, o 99 % estaban espallados polas praias e non en sacos enteiros. Ademais tamén se recolleron seis mil quilos doutros tipos de plástico.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade