Publicador de contidos
Publicador de contidos

O PP censura "a caricatura" carente de "credibilidade" que BNG e PSOE fan de Galicia

O PP censura "a caricatura" carente de "credibilidade" que BNG e PSOE fan de Galicia

Alberto Pazos reivindicou "a política do sentidiño" de Rueda e do PP, que quedou refrendada "catro veces" nas urnas

O voceiro do Grupo Popular reivindicou a estabilidade e a mellora de servizos públicos dos últimos 15 anos

O portavoz do PPdeG Alberto Pazos intervén no debate do estado da autonomía (EFE/Lavandeira jr) O portavoz do PPdeG Alberto Pazos intervén no debate do estado da autonomía (EFE/Lavandeira jr)
G24.gal 09/10/2023 18:24

O portavoz parlamentario do PPdeG Alberto Pazos censurou a "caricatura" que, ao seu xuízo, fixo a oposición da situación de Galicia. Unha "caricatura" que considera carente de "credibilidade" porque non se corresponde "coa Galicia real, a Galicia de Rueda", da que destacou a "política do sentidiño", que foi referendada "catro veces" nas urnas.

Na súa estrea nun debate sobre o estado da autonomía, Pazos Couñago criticou o "retrato da Galicia depresiva, escura, case dickensiana" que, ao seu xuízo, pintaron os portavoces de BNG Ana Pontón e PSdeG Luis Álvarez "catro veces".

O portavoz popular sinalou: "Para que unha caricatura teña un mínimo de credibilidade, hai que saber poñer límite á esaxeración. E vostedes non teñen límite", engadiu.

Fronte ao papel da oposición, Pazos puxo en valor que Galicia apostase "hai 15 anos pola estabilidade institucional, o crecemento sostible e a mellora continuada dos servizos públicos", algo que, remarcou, se resume nunha palabra: "Sentidiño".

Nesta liña, reivindicou que a Galicia "real" ten motivos para "confiar no futuro" e tamén para "sentirse orgullosa", e sinalou sinalando algunhas medidas do Goberno de Rueda, como as "escolas infantís gratuítas" ou a Tarxeta Benvida.

Ademais, Pazos Couñago cualificou de "escandaloso" o "atronador silencio" do BNG e do PSdeG sobre as "esixencias" dos independentistas cataláns para apoiar a investidura de Pedro Sánchez. "Escandaloso, pero non sorprendente. Feros leóns ante a Xunta, medorentos cachorritos fronte ao Goberno de Sánchez", retratou.

Para o portavoz popular, a "triste realidade" da oposición en Galicia é que "mostraron máis compromiso coa independencia de Cataluña que coa dependencia en Galicia".

Nese momento do seu discurso, aproveitou para reivindicar ao Goberno central cuestións como os trens Avril ou a transferencia da AP-9, entre outras demandas.

Ao concluír a súa intervención, Pazos Couñago dixo non saber se os portavoces que participaron este luns no debate, incluído el, o faran na próxima ocasión, pero mostrouse convencido de coñecer o presidente que o vai abrir: "Chámase Alfonso Rueda".

"Señor presidente, Galicia segue no bo camiño. Galicia avanza na boa dirección, e poida que aínda non sexamos capaces de cambiar os horarios das mareas, pero a pouco que nos empeñemos os galegos... Malo será!", concluíu.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade