O PP e Jácome acordan deixar gobernar a lista máis votada no Concello de Ourense e na Deputación
O PP e Jácome acordan deixar gobernar a lista máis votada no Concello de Ourense e na Deputación
Os populares confimaron que os seus sete edís se votarán a si mesmos, o que frustra calquera alternativa ao actual alcalde de Democracia Ourensana na cidade
O Concello de Ourense celebrará este sábado o pleno da constitución da nova corporación. Os 27 concelleiros elixidos nas urnas votarán o alcalde e todo apunta a que continuará no cargo Gonzalo Pérez Jácome.
O seu partido Democracia Ourensana foi o máis votado o 28-M e que continúe no cargo vai ser posible porque o resto de forzas (PP ,PSOE e BNG) foron incapaces de artellar unha alternativa.
Este mesmo sábado calquera negociación saltaba polos aires despois do anuncio do PP ourensán. Os seus sete concelleiros votarán o candidato popular, Manuel Cabezas.
Jácome xa dá por feita a súa investidura. O seu partido acordou nun documento asinado este 17 de xuño por Paula Prado, secretaria xeral do PPdeG, e por Gonzalo Pérez Jácome "deixar gobernar a lista máis votada tanto no Concello coma na Deputación de Ourense".
No caso do PP asina o documento en nome de Prado o alcalde de Xunqueira de Ambía, Xosé Luís Gavilanes.