O PP gaña en votos, arrasa en Madrid e podería arrebatarlle ata seis comunidades ao PSOE
O PP gaña en votos, arrasa en Madrid e podería arrebatarlle ata seis comunidades ao PSOE
O PP foi o partido máis votado nas eleccións autonómicas do 28M
O PP gaña en sete comunidades mentres que o PSOE conseguiu ser a forza máis votada en catro
O PP foi o partido máis votado nas eleccións autonómicas do 28M e gañou ademais en sete comunidades, mentres que o PSOE conseguiu ser a forza con máis apoios en catro autonomías.
O PP gañou na Comunidade de Madrid, na Comunidade Valenciana, nas Baleares, Aragón, Murcia, Cantabria e A Rioxa, recupera seis autonomías respecto aos comicios de 2019, aínda que só teñen o executivo garantido en Madrid e na Rioxa, onde obtiveron maioría absoluta. Nas outras comunidades terá que pactar para facerse co goberno.
O PSOE só logrou unha maioría absoluta en Castela-A Mancha, mentres que en Asturias, Canarias e Estremadura foi a forza máis votada pero deberá lograr alianzas para manterse no poder. Os socialistas perderon cinco autonomías respecto as últimas eleccións.
En 2019, o PSOE foi o partido máis votado en dez das comunidades autónomas en que este domingo houbo eleccións, todas salvo Cantabria, na que o PRC obtivo o maior apoio popular.
Na Comunidad de Madrid, a situación cambiou e foi o PP de Isabel Díaz Ayuso o partido máis votado, mentres o PSOE pasou de primeira a terceira forza.
Ata as eleccións deste domingo, nove das doce comunidades autónomas tiñan presidentes socialistas, todas excepto Madrid e Murcia, que son do PP, e Cantabria, onde Revilla gobernaba ata o de agora co PSOE.
Nas cinco autonomías en que non houbo eleccións este 28M, tres teñen presidentes do PP (Andalucía, Galicia e Castela e León), mentres en Cataluña goberna ERC e no País Vasco o PNV.
Feijóo: "É unha honra gañar as eleccións"
O líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, destacou que o seu partido gañou "con claridade" as eleccións municipais e autonómicas e deu o "primeiro paso para un novo ciclo político" en España.
Feijóo saíu ao balcón da rúa Génova para celebrar a vitoria do PP xunto a Isabel Díaz Ayuso e a José Luis Martínez-Almeida, aos que agradeceu que revalidasen a Comunidade e o Concello de Madrid con maioría absoluta.
"Sei que o meu momento chegará se os españois queren. Este é o momento dos candidatos que gañaron, non é o meu momento, pero si é o momento do partido que presido", exclamou Feijóo.
"É unha honra poder dicir despois de sete anos que o PP gañou as eleccións municipais e autonómicas na inmensa maioría dos lugares, das cidades e das comunidades autónomas" ,rematou Feijóo.
O PSOE asume que deberá "esforzarse" nas eleccións xerais
A portavoz da Executiva Federal do PSOE e ministra de Educación Pilar Alegría dixo que teñen que facer unha "reflexión para os próximos meses" tras a súa derrota nas eleccións autonómicas e municipais e asume que deben "esforzarse" para lograr a "confianza" nas xerais.
"Non imos ocultar que aspirabamos a forxar maiorías de progreso grazas á mobilización do electorado progresista, que é evidente que non se produciu. Pero a vontade dos cidadáns é clara e o PSOE asume que debemos facer as cousas mellor, esforzarnos máis para lograr esa confianza nas próximas eleccións", declarou nunha intervención sen preguntas na sede do partido en Ferraz.
Alegría recoñeceu que é "evidente o mal resultado" do PSOE e que á falta do reconto definitivo perdeu a inmensa maioría do seu poder territorial, incluídas prazas destacadas como a Comunidade Valenciana, Sevilla e Estremadura.
"Non é o que esperabamos tras estas semanas de campaña electoral e temos que facer unha reflexión para os próximos meses", comentou Pilar Alegría.
Vox será a chave de moitos gobernos
Vox non disimula a súa euforia. Duplican votos e triplican concelleiros. Os de Abascal serán clave para formar goberno en todas as autonomías que perderon os socialistas e xa avisan ao PP. O seu apoio non será de balde.
"Vox veu para quedar e para ser a alternativa que España necesita. Que ninguén espere agasallos por parte de Vox, porque Vox non pode agasallar co que non lle pertence, que é a confianza e os valores dos españois. Ninguén pode esperar que Vox vaia aceptar ningún tipo de chantaxe. Podemos dar traquilidade", segundo o presidente do partido.
Unidas Podemos, cos peores resultados da súa historia en municipios e comunidades autónomas
Unidas Podemos afúndese nos territorios e desaparece en Madrid, País Valenciano e As Canarias.
O espazo confederal nas comunidades autónomas pasa de ter 47 deputados autonómicos a manter apenas 13. Só poden entrar ao goberno de Navarra, onde terían a chave para un executivo de esquerdas. A candidata de Podemos á Asemblea de Madrid, Alejandra Jacinto, fixo un chamamento á "unidade das forzas progresistas".
"Estes son uns malos resultados, é evidente, son uns malos resultados para todo o bloque progresista no seu conxunto, pero tamén para a nosa forza política. Ás veces avanzamos, ás veces retrocedemos, pero sempre imos seguir empuxando", afirmou Jacinto.
Ciudadanos desaparece do mapa político
Ciudadanos asinou a súa morte política. Desaparece de todas as comunidades e Begoña Villacís fracasa en Madrid. A vicealcaldesa non disimulaba o fracaso.
"Sinto unha enorme tristura. As cousas hai que chamalas polo seu nome e esta foi unha derrota sen paliativos. Non me gustan os eufemismos, nin edulcorar a realidade, e a realidade é a que é. Cando o deches todo, cando non gardaches nada, ningún esforzo, creo que podemos irnos coa cabeza moi alta, que é como nos imos hoxe desta sede todos", afirmaba Villacís.