A dúas semanas do 28-M, o PP lidera catro cidades, o PSdeG dúas e o BNG unha
A dúas semanas do 28-M, o PP lidera catro cidades, o PSdeG dúas e o BNG unha
A enquisa que publica este domingo La Voz de Galicia dálle maioría absoluta a Caballero en Vigo e a Rey Varela en Ferrol
A dúas semanas das eleccións municipais, as enquisas sitúan o PP como o partido máis votado en catro das sete cidades galegas; o PSdeG sería primeira forza en dúas e o BNG nunha. Ciudadanos e Vox quedarían fóra dos consistorios das sete urbes.
Este é o taboleiro que debuxa unha sondaxe que publica este domingo La Voz de Galicia, que apunta a dúas maiorías absolutas: a do socialista Abel Caballero en Vigo e a do popular José Manuel Rey Varela en Ferrol.
O PP sería tamén a forza máis votada en Ourense, Lugo e Santiago; na Coruña podería gañar Inés Rey; e o nacionalista Miguel Anxo Fernández Lores repetiría como alcalde de Pontevedra.
A enquisa deixa aínda un escenario aberto, con porcentaxes de máis do 20 % de persoas indecisas en todas as cidades agás Vigo.
En liñas xerais, a sondaxe apunta a que o PP sobe en todas as cidades con relación aos resultados que acadara hai catro anos.
O PSdeG, en cambio, tería menos concelleiros agora en 4 das sete urbes do país. O BNG, pola contra, melloraría os resultados que conseguira en 2019 en case todas as prazas. En boa medida, absorbendo os votos que perderían as mareas, que baixan en todas as cidades onde tiñan representación.
Ciudadanos desaparecería do mapa urbano de Galicia e Vox volvería quedar fóra das corporacións das cidades da comunidade.
Vigo
En Vigo o socialista Abel Caballero volvería obter unha ampla maioría absoluta, con 19 dos 27 concelleiros da corporación. Con todo, 1 menos ca agora, o que gañaría a popular Marta Fernández Tapias.
Tamén se produce un transvasamento entre o Bloque e a Marea de Vigo, agora cos nacionalistas con 2 edís e a coalición só con 1, ao revés do que sucedera hai 4 anos.
Ferrol
En Ferrol o bastón de mando podería cambiar de mans. A sondaxe apunta a que o popular José Manuel Rey Varela podería gobernar con maioría absoluta.
O PP conseguiría 13 concelleiros, 5 máis que o PSOE. O BNG tería 2, os mesmos que en 2019, pero agora por diante de Ferrol en Común que baixa de 3 a 2 edís.
Ourense
A enquisa debuxa un escenario máis aberto en cidades como Ourense. O PP sería a forza máis votada, con 9 concelleiros. Os socialistas terían 8, Democracia Ourensana 7 e completaría a corporación o BNG, con 3 actas.
Con ese resultado, ábrese a porta a que volva á alcaldía 16 anos despois o popular Manuel Cabezas, xa que tanto o PP coma o PSdeG anunciaron que non pactarían coa formación do actual rexedor, Gonzalo Pérez Jácome.
Lugo
En Lugo tamén o Partido Popular sería primeira forza. Elena Candia consolida a tendencia á alza e sumaría agora 12 concelleiros, a un da maioría absoluta. O PSdeG mantería 8 e o BNG cinco. E nese caso poderían reeditar o actual bipartito, con Lara Méndez como alcaldesa.
Pontevedra
En Pontevedra o nacionalista Miguel Anxo Fernández Lores apunta ao seu séptimo mandato. A sondaxe atribúelle 12 concelleiros, a un da maioría absoluta. O PP sumaría 9 e os socialistas 4.
A Coruña
Na Coruña, a enquisa sitúa o PSdeG como primeiro partido, con apenas 1.3 puntos por diante do PP. Ambos empatados a 10 edís.
O BNG tería a chave da maioría na cidade herculina, con 4 concelleiros, o dobre que agora. Tendencia contraria á da Marea Atlántica, que perdería a metade das actas. Das 6 que conseguira hai 4 anos só conservaría 3.
A candidatura Por Coruña (de Podemos e antigos membros da Marea) sumaría un 4,7 % dos votos, pero non conseguiría entrar na corporación.
Santiago
En Santiago, a forza máis votada sería o PP. Borja Verea conseguiría 9 concelleiros, un máis que o actual rexedor, o socialista Sánchez Bugallo, que empeora os resultados acadados en 2019.
En cambio o BNG mellora. Pasaría dos 2 edís que ten agora a 5. Absorbe os votos que perde Compostela Aberta, que de 5 actas actuais mantería só 3.