Marlaska: "Non usamos fondos reservados para tapar a corrupción, como fixo o PP"
Marlaska: "Non usamos fondos reservados para tapar a corrupción, como fixo o PP"
O ministro do Interior asegura que acatará o auto do Supremo pero que as razóns para a perda de confianza en Pérez de los Cobos "mantéñense na actualidade"
O PP pide o cesamento de Marlaska logo de ser emendado polo Supremo e tamén piden a dimisión da ministra de Igualdade pola lei do só si é si
Durante a sesión de control ao Goberno, a deputada do PP Ana Belén Vázquez acusou a Fernando Grande-Marlaska de cesar o coronel Diego Pérez de los Cobos "por non ser un soplón con galóns coma vostede".
Instouno a executar a sentenza do Tribunal Supremo e a "marchar" despois. Para Vázquez, Grande- Marlaska "non só está inhabilitado para seguir como ministro do Interior, senón que moralmente está inhabilitado para ir á carreira xudicial".
O titular do Interior di que acatará a resolución do Supremo, pero que segue sen confiar en Pérez de los Cobos. Para Fernando Grande-Marlaska, "as razóns obxectivas que determinaron a perda de confianza no coronel Pérez de los Cobos para o exercicio dun posto de responsabilidade mantéñense na actualidade".
Replicoulle, ademais, á deputada popular preguntándolle se ela "tería confianza naquelas persoas que xestionaban os fondos reservados sen o debido control (...) para destruír probas, para que o PP puidera ocultar a súa responsabilidade".
Pese ao auto do Supremo, Unidas Podemos apoia a Marlaska. Para o seu deputado Enrique Santiago, "como é un cargo de confianza, igual que se designa ten que poder ser cesado".
A ministra de Igualdade tamén está no punto de mira da oposición. O PP pide o seu cesamento polas rebaixas de condenas tras a entrada en vigor da lei do só si é si. A deputada popular Marta González pediulle a Irene Montero que deixara de "mentir" porque, na súa opinión, "sempre tivo a intención de rebaixar as penas porque é vostede defensora acérrima da inutilidade das condenas de cárcere".
A titular de Igualdade recoñeceu estar "preocupada" polas decisións xudiciais de rebaixas de penas e, ante iso, cre que hai que dar "unha resposta unitaria desde o Goberno e desde a maioría feminista". Montero asegurou que vai "deixar a pel" na tramitación parlamentaria da reforma da lei de liberdade sexual.
Esta tamén foi a primeira sesión de control para o novo ministro de Sanidade, o galego José Miñones, que se estreou pedindo máis tempo para regular o uso terapéutico do cánnabis.