Publicador de contidos
Publicador de contidos

O PP podería perder a maioría absoluta en Galicia, segundo o CIS

O PP podería perder a maioría absoluta en Galicia, segundo o CIS

Segundo a enquisa preelectoral do CIS para as eleccións galegas, o Partido Popular tería entre 36 e 38 deputados, o BNG sería a segunda forza (20-23) e o PSOE quedaría en terceira posición (17 ou 18 escanos)

Ana Pontón é a líder máis valorada, seguida de Alfonso Rueda e Xosé Ramón Gómez Besteiro

G24.gal 25/01/2024 13:39 Última actualización 25/01/2024 14:49

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, podería perder a maioría absoluta do PP no Parlamento galego, o BNG reforzaría a súa posición como segunda forza e o PSOE quedaría detrás, en terceira posición, cunha subida insuficiente para superar aos nacionalistas, segundo o Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS).

A enquisa preelectoral das eleccións autonómicas do 18 de febreiro en Galicia difundida este xoves polo CIS vaticina que Sumar podería entrar na Cámara con ata dous deputados e que Vox e Podemos quedarían fóra, en tanto que Democracia Ourensana (DO) obtería ata un representante e podería ser clave para a gobernabilidade se o PP perde a maioría.

A mostraxe (a partir de 11.011 entrevistas realizadas entre o 8 e o 20 de xaneiro) apunta a unha caída do PP, que co 43,2 por cento de voto estimado, baixaría de 42 a 36-38 escanos, xusto no limiar da maioría absoluta, mentres o BNG (29,3 por cento) subiría de 19 a 20-23 deputados e o PSdeG-PSOE co 20,4 por cento dos votos avanzaría dos 14 parlamentarios actuais a entre 15 e 17.

Sumar pode lograr un escano na Coruña e outro en Pontevedra, co 3,5 por cento dos votos, ou quedar sen ningún, segundo a enquisa, en tanto que a Democracia Ourensana, a formación do alcalde Gonzalo Pérez Jácome, o CIS outórgalle o 0,4 por cento e entre ningún e un representante.

Así as cousas, na  Coruña o PP lograría de 12 a 13 escanos; o BNG, de 7 a 8; PSOE, de 5 a 6, e Sumar podería sacar un escano.

Na provincia de Lugo o PP obtería de 8 a 9 escanos; o BNG, 3, e o PSOE, 3 escanos tamén. 

En Ourense o PP sería tamén primeira forza, con 7 escanos; o BNG lograría de 2 a 4, o PSOE, 2, e Democracia Ourensana podería ter un escano.

E en Pontevedra o PP tería 9 escanos; o BNG, de 7 a 8; o PSOE, 5 ou 6, e Sumar podería obter un escano.

O 29,8 % dos enquisados decide a que partido ou coalición vai votar a última semana de campaña, e deles un 5,1 % decídeo o mesmo día das eleccións.

O 69,9 % dos galegos asegura que votarán o próximo 18 de febreiro pensando "nos temas propios de Galicia", e só un 20,3 % votará pensando “nos temas xerais de España”.

Sobre a xestión que realizou o PP á fronte da Xunta estes últimos 4 anos, un 46,1 % dos galegos indica que foi “mala ou moi mala”, un 45,5 % afirma que foi “moi boa ou boa” e un 7,1% asegura que regular.

Para os enquisados, os principais problemas en Galicia son o paro (13,8 %), xunto á sanidade (10,3 %), a crise económica, os problemas de índole económico (8,2 %) e o Goberno da Xunta de Galicia co 5,5 %.

Un 43,5 % dos enquisados cre que a situación económica actual en Galicia é “moi boa ou boa”, mentres un 39,9% asegura que é “mala ou moi mala” e un 14,2 % regular. Comparada con hai 4 anos, só o 16 % dos galegos afirma que é “mellor ou moito mellor”, un 32,2 % que é “peor ou moito peor”, e un 50 % asegura que está igual. 

Valoración de líderes

A mostraxe pulsa a opinión dos galegos sobre os principais candidatos dos partidos, dous dos cales aproban: o presidente Rueda e a candidata do BNG, Ana Pontón, que ademais é a mellor valorada.

Pontón obtén unha nota media de 5,77, seguida de Rueda, con 5,39 puntos, o socialista Xosé Ramón Besteiro (4,84), e a candidata de Sumar, Marta Lois, que queda con 4,09 de nota.

Ao preguntar quen deles é o "preferido" para facerse cargo da Xunta, é Rueda o que leva maior porcentaxe, o 38,1, seguido de Pontón, co 28,5 por cento, de Gómez Besteiro, que logra un 13 por cento, e de Lois, a quen só prefire o 2,1 por cento.

O actual presidente da Xunta esperta "moita" ou "bastante" confianza ao 42 por cento dos entrevistados, e "pouca" ou "ningunha" ao 56,4 por cento; os que confían en Pontón suman un 49,3 por cento e os que desconfían son o 48,6 por cento, en tanto que Gómez Besteiro ten unha porcentaxe de confianza do 30,7 por cento, con maior desconfianza dos galegos, ata o 66,5 por cento.

En canto á xestión de Rueda á fronte da Xunta, é cualificada como "boa" ou "moi boa" polo 38,2 por cento, de "mala" ou "moi mala" polo 32 por cento e foi "regular" para o 27,3.

A oposición do BNG é considerada positivamente polo 45,6 por cento dos enquisados e negativamente polo 39,7 por cento, en tanto que a do PSdeG-PSOE é cualificada de maneira positiva polo 26,7 por cento e de modo negativo por unha maioría do 59 por cento.

Tamén se puntúan os líderes nacionais dos partidos, ao consultar o CIS a quen prefiren os galegos para gobernar España, co líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, como vencedor, grazas a unha porcentaxe do 36,9.

Ségueo o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, co apoio do 30 por cento, e despois a líder de Sumar, Yolanda Díaz, preferida para a Moncloa polo 11,8 por cento dos galegos. Moi por baixo está o líder de Vox, Santiago Abascal (2,8 por cento), e á cola a presidenta madrileña, Isabel Díaz Ayuso (1,7 por cento).

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade