O PP renovaría a súa maioría absoluta en Galicia, segundo unha enquisa de 40dB
O PP renovaría a súa maioría absoluta en Galicia, segundo unha enquisa de 40dB
Os populares repetirían o resultado de 42 deputados, mentres que o BNG e o PSOE volverían sacar os mesmos escanos que en 2020
O PP obtería de novo a maioría absoluta nas eleccións autonómicas de Galicia do 18 de febreiro, segundo a enquisa que publica hoxe na súa portada o diario El País.
O PP repetiría o resultado de 42 deputados —a maioría absoluta sitúase en 38—, mentres que o BNG e o PSOE volverían sacar os mesmos escanos que en 2020, con 19 e 14 parlamentarios, respectivamente, que os situarían de novo como segunda e terceira forza política no Parlamento galego respectivamente.
Segundo a enquisa do instituto 40dB, Sumar, Vox e Podemos non lograrían ningún deputado nos comicios.
O PP lograría o 47,5 % dos votos e baixaría medio punto con respecto a hai catro anos, mentres que o BNG subiría ao 24,8 % das papeletas desde o 23,8 % de 2020.
O PSOE tamén baixaría en número de votos ao 17,9 % desde o 19,4 % das anteriores eleccións, segundo a enquisa, elaborada sobre unha mostra de 1.200 entrevistas realizadas entre o 2 e o 4 de xaneiro.
Sumar quedaría fóra do Parlamento galego co 3,4 % das papeletas, mentres que Podemos obtería o 1,1 %. Vox sobe do 2,1 % ao 2,7 % dos votos, pero tampouco obtén ningún escano.