O PP mantén a maioría, o BNG suma apoios e o PSdeG baixa, segundo as sondaxes
O PP mantén a maioría, o BNG suma apoios e o PSdeG baixa, segundo as sondaxes
As enquisas publicadas este domingo tamén abren a porta á entrada no Parlamento de Sumar e Democracia Ourensana
Dúas semanas antes das eleccións, as enquisas apuntan a unha vitoria de Alfonso Rueda. As catro sondaxes publicadas este domingo en prensa coinciden en avanzar unha maioría absoluta do PPdeG.
Tamén manteñen o BNG, que sobe en intención de voto, como segunda forza por diante dun PSdeG que reduce os seus apoios. Ademais, abren a porta á posibilidade dunha entrada no Parlamento de Sumar e Democracia Ourensana.
É o escenario que debuxan os barómetros de La Voz de Galicia, La Región e Atlántico, El Ideal Gallego e El Mundo.
Dous dos catro estudos demoscópicos sitúan o Partido Popular de Galicia nos 39 escanos (a maioría absoluta sitúase nos 38). Os outros dous abren a pinza, un deles ata os 42 asentos.
O BNG continuaría sendo a segunda forza, con entre 18 e 21 representantes, por diante do Partido Socialista de Galicia, que as sondaxes deixan con entre 13 e 15 escanos.
Estes barómetros abren ademais a porta a que consigan representación outras dúas forzas. Tanto Sumar Galicia como Democracia Ourensana poderían obter unha acta. A forza que lidera Yolanda Díaz incluso podería chegar aos dous segundo a enquisa de El Ideal.
La Voz de Galicia destaca que hai unha "pugna aberta polo último escano en dúas provincias", concretamente na Coruña e Lugo, co Partido Popular e o BNG en ascenso na estimación de voto.
Segundo o tracking diario de Sondaxe, o PP obtería 39 escanos, o Bloque 20, o PSdeG-PSOE 14 e tanto Sumar como Democracia Ourensana 1.
Outra enquisa que publican El Ideal Gallego e tamén os Diarios de Ferrol , Arousa e Bergantiños coincide en que "o tripartito non lograría superar o PP, que mantería 39 escanos".
A análise demoscópica de Demos Gal outórgalle eses 39 deputados ao Partido Popular como na enquisa de La Voz, 19 ao BNG, 15 ao PSdeG-PSOE e 2 a Sumar.
Os rotativos La Región e Atlántico Diario coinciden en que "o PP se sostén na maioría absoluta nas eleccións galegas". O traballo de Infortécnica amplía neste caso os resultados do Partido Popular: de 39 a 41 escanos.
O BNG lograría de 19 a 21. Os socialistas obteñen aquí o peor resultado: de 13 a 14. Sumar como Democracia Ourensana figuran con entre cero e un deputados.
Finalmente, o titular de El Mundo é o máis contundente: "O PP consolida a súa maioría absoluta en Galicia e o PSOE entra en barrena en plena tramitación da amnistía".
A sondaxe de Sigma Dos outórgalle ao PP o mellor resultado das catro enquisas: entre 39 e 42 asentos no Hórreo.
O BNG conseguiría entre 18 e 20, o PSdeG-PSOE entre 14 e 15, mentres que Sumar podería obter un representante.