O PPdeG vese reforzado polas enquisas; BNG e PSdeG notan tendencia ao cambio

Maioría absoluta ao PPdeG, con dous deputados menos que en 2020

O BNG mantense como segunda forza, cos mesmos escanos

O PSdeG sobe un, e entraría Sumar cun deputado

G24.gal 29/10/2023 16:55

O PPdeG viuse reforzado este domingo pola enquisa publicada por Sondaxe, mentres que o BNG e o PSdeG aseguran que constatan unha tendencia ao cambio político que lles daría a Xunta.

A enquisa publicada por Sondaxe dá unha nova maioría absoluta ao PPdeG, con dous deputados menos que en 2020, e mantén o BNG como segunda forza, cos mesmos escanos, mentres o PSdeG sobe un e entraría Sumar cun deputado.

A secretaria xeral do PPdeG Paula Prado opinou que este estudo "deixa claro que os galegos e as galegas pensan que o presidente Alfonso Rueda é a mellor opción para traballar por Galicia e para defender a Galicia desde a Xunta".

"Son unha ampla maioría das catro provincias os que valoran que Galicia non para de funcionar e cumprir obxectivos e celebran connosco a normalidade extraordinaria da nosa comunidade. A Xunta acaba de aprobar os orzamentos galegos máis elevados da súa historia para investir en estabilidade, nas persoas e no futuro. E Alfonso Rueda, o líder máis coñecido e máis valorado, é o capitán idóneo para continuar esa folla de ruta", dixo.

Fronte a iso, segundo as declaracións de Prado: "A alternativa ao Partido Popular é un confuso tripartito de partidos que se levan mal entre si e que só teñen en común o obxectivo de importar a Galicia o barullo que vemos no resto de España".

A portavoz nacional do BNG e única aspirante a ser candidata á Xunta no proceso aínda aberto. Ana Pontón lembrou que as enquisas nos últimos tempos "fallan como escopetas", polo cal mantén certa distancia.

En todo caso, incidiu en que o cambio en Galicia "está en marcha", como cre que se demostrou nos últimos tempos.

Este cambio ten o "BNG liderando a alternativa ao PP", pois xa nas últimas eleccións foi segunda forza e continúa así nas enquisas.

O líder do PSdeG Valentín González Formoso defendeu que o que resulta máis importante son as tendencias e ve "un claro cambio de tendencia en Galicia".

"O estudo non recolle apenas os efectos da resolución das primarias do PSdeG e da proclamación de Besteiro como candidato á presidencia da Xunta. E aínda así, somos a única forza con presenza no Parlamento galego que aumenta a súa representación", agrega.

Parécelle "un bo punto de partida" para un candidato, José Ramón Gómez Besteiro, que "rexistra un grao elevado de coñecemento e valoración" entre os electores "a pesar de levar oito anos fóra da vida política debido á persecución xudicial a que foi sometido".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade