Publicador de contidos
Publicador de contidos

O PPdG reclámalle ao Goberno financiamento para os territorios para poder abordar a crise migratoria

O PPdG reclámalle ao Goberno financiamento para os territorios para poder abordar a crise migratoria

Paula Prado, secretaria Xeral do PPdG: "O financiamento das autonomías ten que ser unha negociación multilateral, non a dous"

Prado cre que o Goberno acabará cedendo á petición de autonomía fiscal que pretenden os cataláns

G24.gal 24/07/2024 10:58

Con asuntos de fondo como a reforma da lei de estranxeiría, o sistema de financiamento das comunidades autónomas ou a autonomía fiscal que reclama Cataluña, este mércores, falamos na Radio Galega coa Secretaria Xeral do PPdG, Paula Prado, quen iniciou esta entrevista enviando o pésame ás familias das vítimas do naufraxio do Argos Georgia, o pesqueiro afundido nas últimas horas nas illas Malvinas, que deixa polo momento nove falecidos, dous deles galegos.

Lei de estranxeiría

En relación á reforma da lei de estranxeiría, un dos asuntos abordados no macropleno de fin de curso do Congreso, que finalmente fallou na tramitación ao non contar cos apoios de Vox, nin de Junts nin do PP, Prado trasladou que as comunidades autónomas precisan un financiamento axeitado para ofrecer solucións aos migrantes que chegan. 

Aclarou Prado que o único que pretendía o Goberno con esta reforma era obrigar as autonomías, "sen máis", a acoller os inmigrantes que chegasen en exceso. A secretaria Xeral dos populares galegos esixiulle ao Goberno unha política migratoria seria, responsable e de control.

Sistema de financiamento

Sobre o  sistema de financiamento ás autonomías, varias delas, algunhas das gobernadas polo PP, xa avanzaron que recorrerán á xustiza para forzar o Goberno a convocatoria da Conferencia de Presidentes.

Paula Prado trasladou que o financiamento require dunha negociación multilateral con todos os territorios, e non a dous, entre o Goberno e Cataluña, e que no PPdG non van consentir que Galicia quede atrás, aseverou, polos "intereses partidistas de Sánchez".

"O financiamento ten que ser unha negociación multilateral, non a dous, entre o Goberno e Cataluña. Hai que compracer as chantaxes dos independentistas cataláns e obviar o resto das comunidades autónomas. Pois non. O que dicimos é que se o que se vai repartir son os cartos de todos, todos temos que participar nese diálogo. Nós non imos consentir que Galicia quede relegada polos intereses partidistas de Sánchez nas súas negociacións cos independentistas cataláns", manifestou.

Autonomía fiscal de Cataluña

Outro dos asuntos que marca a actualidade é a xuntanza programada para hoxe entre Sánchez e o presidente en funcións da Generalitat Pere Aragonès, nunha semana crucial para a posible investidura de Salvador Illa como presidente do Goberno catalán. 

Cren no PPdG que, aínda que no Goberno non aclaren as intencións desa xuntanza, Sánchez xa está pensando en ceder ás reivindicacións dos Cataláns dunha autonomía fiscal para Cataluña, para facilitar o acceso de Illa á presidencia da Generalitat. 

Citación de Sánchez

En relación á citación do presidente Sánchez polo xuíz Peinado na causa en que se investiga a súa muller Begoña Gómez, a secretaria xeral do PPdG considera que o PSOE está tentando tapar toda a corrupción que o envolve e di non entender por que o presidente do Goberno ten tanto problema en declarar como testemuña, igual que a súa muller, se non hai nada que tapar. "Non van porque teñen moito que ocultar", puntualiza.

Prado fixo balance dos cen primeiros días de goberno do PPdG á fronte da Xunta de Galicia; manifestou que os obxectivos están cumpridos ata agora e aproveitou para enviarlles unha mensaxe aos máis novos de cara á celebración do 25 de xullo, para que conserven a riqueza patrimonial, natural, histórica, cultural e humana que temos na comunidade autónoma.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade