Os Estados Unidos derruban un obxecto sospeitoso a grande altitude en augas de Alaska
Os Estados Unidos derruban un obxecto sospeitoso a grande altitude en augas de Alaska
O Consello de Seguridade sinala que é mais pequeno que o "globo espía" chinés abatido a semana paada
O presidente de Estados Unidos, Joe Biden, ordenou disparar e derrubar un "obxecto" que estaba a sobrevoar o estado de Alaska, informou este venres nunha rolda de prensa John Kirby, un dos voceiros da Casa Branca.
Kirby explicou que, nas últimas 24 horas, o Pentágono detectou un "obxecto a grande altitude" sobre o estado de Alaska e na última hora Biden deu a orde para que un avión de combate asociado ao Comando Norte dos Estados Unidos lle disparase para botalo abaixo.
O "obxecto", en principio, parece ser diferente ao "globo espía" chinés que os Estados Unidos derrubaron o sábado pasado despois de que sobrevoase varias zonas do país, dixo o portavoz.
En concreto, Kirby explicou que o "obxecto" derrubado era moito máis pequeno: tiña o tamaño dun "pequeno vehículo", mentres que as proporcións do "globo espía" eran de "dous ou tres autobuses".
Ademais, o "globo espía" chinés tiña capacidade para manobrar, pero o "obxecto" que foi derrubado este venres non tiña esa habilidade e estaba á valga.
Á hora de dar a orde de derrubar o "obxecto", un dos factores que preocupaba a Biden era a altitude á que voaba, uns 12 quilómetros pola posibilidade de interferir coa traxectoria de avións civís.
Agora, están a recollerse os fragmentos do ente derrubado para determinar exactamente de que se trataba.
Os Estados Unidos acusaron o Goberno chinés de desenvolver un "programa" de globos para labores de espionaxe e que xa sobrevoaron máis de 40 países en cinco continentes.
Pequín defende que o globo que derrubou Washington o sábado era un aparello meteorolóxico que se "desviou do seu rumbo orixinal" por "causas de forza maior".
O descubrimento destes "globos espía" desencadeou unha nova crise diplomática entre Estados Unidos e China e motivou a suspensión dunha viaxe que o secretario de Estado, Antony Blinken, tiña previsto facer ao país asiático.