A Asociación Eólica de Galicia agoira "un desastre" polo freo nos proxectos
A Asociación Eólica de Galicia agoira "un desastre" polo freo nos proxectos
Manuel Pazo, presidente da entidade, considera que os investimentos asociados ao eólico "están todos no aire"
O presidente da Asociación Eólica de Galicia -EGA-, Manuel Pazo, fala de "desastre" e considera que se está ofrecendo unha "imaxe pésima" ante a parada no desenvolvemento do sector en Galicia polas decisións do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e o posible aumento na demora se o alto tribunal galego volve elevar unha consulta á xustiza europea. Nunha entrevista no Galicia por diante fin de semana da Radio Galega, Pazo explica que "todos os proxectos eólicos corren perigo" e que hai unha "parálise terrible" en pleno desenvolvemento do sector das renovables non só noutros países da Unión Europea senón noutras comunidades autónomas.
"A realidade é que están todos (os proxectos) recorridos, todos enlodados e ao final en realidade é que non se está a facer ningún. E non hai vías de facerse ningún en plena época de transición enerxética onde se están aproveitar outras nacións europeas (...) e sobre todo autonomías que van levar un proceso industrial asociado moito máis interesante que nós".
Segundo o presidente da Asociacion Eólica de Galicia, nestes momentos os investimentos asociados aos proxectos eólicos "están todos no aire" pola "terrible" dúbida sobre a seguridade xurídica en Galicia. Para Pazo, "é unha imaxe absolutamente pésima para Galicia á hora de que se poñan investimentos".
"Hai 32 investimentos novos asociados a estes parques eólicos, coma en toda Europa, hai máis de 7.000 millóns de investimentos, hai 14.000 empregos en xogo. A realidade pode levar a un desastre nesta revolución industrial que nestes momentos está a acontecer en Europa"
Manuel Pazo asegura que todo o sector industrial está afectado polo bloqueo do desenvolvemento eólico xa que o as empresas "se van implantar onde a xeración de enerxía é barata, e nestes momentos a máis barata é a eólica e a solar".