O presidente da CEG alerta dunha "tormenta económica perfecta"
O presidente da CEG alerta dunha "tormenta económica perfecta"
Juan Manuel Vieites urxe o Goberno a garantir o funcionamento das cadeas de transporte e a buscar solucións
O presidente da patronal galega reclama rebaixas impositivas aos carburantes e cambios na factura eléctrica
O presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Juan Manuel Vieites, alerta na Radio Galega do que cualifica como "tormenta perfecta" respecto da situación económica actual, cunha espiral inflacionista marcada pola alza dos prezos enerxéticos, a guerra en Ucraína e agravada agora en España polo paro de transportistas.
Nunha entrevista no Galicia por Diante fin de semana, Vieites fala de situación "grave" e pon como exemplo sectores estratéxicos como o da distribución alimentaria.
O presidente da patronal galega avisa de que se o Goberno non actúa para garantir o funcionamento da cadea da distribución ten constancia de que algunha empresa galega podería ter que pechar establecementos.
"Algunha empresa grande desta comunidade chamábame de que estaba en situación límite. Os camións non poden saír aos supermercados para abastecerse, que á súa vez das fábricas non poden chegar aos centros loxísticos dos centros de distribución dos propios produtos. Estamos na tormenta perfecta se non se adoptan medidas máis drásticas por parte da Delegación do Goberno".
O presidente da CEG teima en apostar polas rebaixas impositivas aos carburantes e acometer xa cambios na factura eléctrica. Considera que a situación é excepcional e hai que actuar aínda que sexa de maneira temporal.
Puxo como exemplo as medidas aprobadas en países da contorna, que non agardaron á celebración do cumio europeo de final de mes.