Publicador de contidos
Publicador de contidos

Vieites: "O proxecto de Altri está en risco de exclusión dos fondos europeos"

Vieites: "O proxecto de Altri está en risco de exclusión dos fondos europeos"

O presidente da CEG asegura que o plan director do Corredor Atlántico Noroeste "está moi avanzado" 

Opina que o estatuto do bolseiro "tal e como se está a definir" non beneficia moito nin a estudantes nin a empresas

A biofábrica de fibra téxtil proxéctase en Palas de Rei
G24.gal 11/06/2023 11:07 Última actualización 11/06/2023 12:42

O presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Juan Manuel Vieites, avisa na Radio Galega de que algúns proxectos en Galicia como o de Altri en Palas ou o do hidróxeno verde están "en risco de exclusión dos fondos europeos".

Nunha entrevista no Galicia por diante fin de semana, Vieites atribúe esta situación á "repartición desigual e lenta dos fondos" e pon como exemplo a denuncia da "asignación de 600 millóns de euros en axudas directas a Asturias, a Cataluña, a Valencia, que deixa fóra os proxectos galegos". 

Con vistas á reunión que -segundo a Delegación do Goberno- o Ministerio de Industria terá a semana que vén coa compañía portuguesa para buscar solucións, Vieites amósase escéptico ao lembrar que "estamos en época electoral e pódese falar moito e despois non concretar". Con todo, aposta por traballar todos de forma conxunta para "aproveitar estas axudas". 

"A repartición desigual e lenta dos fondos europeos pon en risco o investimento de proxectos industriais en Galicia. Ademais, penso que os proxectos industriais en Galicia, o proxecto de hidróxeno verde e da biofábrica de fibra téxtil é un dos proxectos que se encontra en risco de exclusión dos fondos europeos". 

Corredor Atlántico Noroeste

O presidente da patronal tamén falou de infraestruturas e asegurou que o plan director do Corredor Atlántico Noroeste está "moi avanzado" segundo lle teñen trasladado. Así mesmo, Vieites di agardar que na reunión que o vindeiro 5 de xullo terán co comisionado do Goberno para este Corredor, José Antonio Sebastián Ruiz traia consigo prazos e orzamentos malia cadrar en período preelectoral.

"Esperamos que el veña con propostas concretas. Creo que o plan director xa está moi avanzado, segundo nos comentan. Temos unha serie de tramos que temos que reclamar que se fagan da maneira máis áxil posible nesta zona do Corredor Atlántico. E que veña cuns prazos e as cantidades de investimento a realizar concretadas para que poidamos seguir avanzando". 

Estatuto bolseiro

O presidente da patronal galega pon en cuestión o preacordo acadado polo Ministerio de Traballo cos sindicatos sobre o futuro estatuto de bolseiro, que regulará as prácticas en empresas. Juan Vieites apunta que se nin sequera os reitores están satisfeitos con este documento é que a priori algo falla.

Para Vieites, este asunto debería abordarse no "contexto do diálogo social" porque opina que  "tal e como se está a definir nestes momentos non beneficia moito" nin a estudantes nin a empresas. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade