Publicador de contidos
Publicador de contidos

O presidente de Navalia chama a aproveitar o "magnífico momento" que vive o sector

O presidente de Navalia chama a aproveitar o "magnífico momento" que vive o sector

Rueda cualifica o naval galego de sector punteiro que causa “respecto e admiración en moitísimos países do mundo”

G24.gal 21/05/2024 16:06

A Feira Internacional da Industria do Naval, Navalia, comezou este mar cun chamamento do presidente deste evento, José García Cortés, a aproveitar o “magnífico momento” que vive na actualidade o sector naval.

O responsable da organización enxalzou a relevancia da feira que desde este martes, 21 de maio, e ata o xoves, día 23, reúne a representantes de todo do sector de todo o mundo coa participación de mil marcas a través de máis de 500 expositores, o que significa un crecemento do 20 % con respecto ao 2022.

García Cortés sostivo que este evento serve para evidenciar que “o sector naval segue hoxe vivo” e que ademais atravesa “un momento doce” porque aínda que “para conseguir contratos e traballo, hai que moverse moitísimo” a realidade é que o “momento é moi bo, magnifico” para as empresas navais e para a “economía marítima”.

Celebrou así o “éxito da feira” e comprometeuse a continuar traballando para que Navalia en 2026 sexa “máis grande e máis importante que a actual”.

Na mesma liña pronunciouse o presidente da Xunta. Alfonso Rueda destacou a importancia de que durante estes días Galicia sexa o “escaparate” dun sector punteiro que causa “respecto e admiración en moitísimos países do mundo”.

Insistiu así no bo que é que Navalia conte con visitantes de todos os recunchos que poidan comprobar “o que facemos aquí” cunha perspectiva “de modernidade, pero sen esquecer a esencia” porque “os mellores buques do mundo levan pezas feitas en Vigo e en Galicia”.

Por iso, animou o sector en Galicia a que saiba agora aproveitar tamén as novas “oportunidades” que se abren coa industria off shore para que non sexan as empresas doutros territorios os que unicamente se beneficien desta nova xanela de negocio.

“Galicia ten que aproveitar con sentidiño e con respecto a todo” as novas oportunidades porque “se todos podemos beneficiarnos, Galicia ten que ser a primeira”, sentenciou o presidente da Xunta. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade