A Xunta regulará o procedemento para declarar zonas tensionadas de alugueiro
A Xunta regulará o procedemento para declarar zonas tensionadas de alugueiro
Incorpórase este asunto na lei de medidas fiscais e administrativas dos orzamentos do 2024
A Xunta de Galicia inclúe na lei galega de vivenda a regulación do procedemento para que os concellos declaren zonas tensionadas e pór así un tope aos alugueiros. Desta forma, as peticións deberán ir acompañadas pola correspondente argumentación e xustificación co obxectivo de confirmar o rigor das solicitudes.
A única petición que se recibiu ata o momento foi a do Concello da Coruña. Ante esta, a Xunta cre necesario incorporar este asunto a través dunha disposición adicional na lei de medidas fiscais e administrativas dos orzamentos do 2024.
Para o Goberno galego, esta explicación resulta imprescindible, pois na lei estatal "non se clarifica o procedemento porque, tanto as autonomías como os concellos teñen competencias en material de vivenda". Por isto, a Xunta aclarará as dúbidas relativas á nova lei nunha futura comisión bilateral que xa foi solicitada ao Goberno central. Aínda se descoñece a data deste encontro.
Catro millóns de euros para frear o despoboamento rural
Este mércores tivo lugar a xornada A España despoboada, en que a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda Ángeles Vázquez interveu para informar de que o Goberno galego leva anos traballando para fixar poboación no medio rural.
Así, a Xunta destinará no próximo ano, catro millóns de euros para facilitar o acceso á vivenda e promover o asentamento de poboación no rural.