O procesado polo dobre crime do Ceao nega a súa participación
O procesado polo dobre crime do Ceao nega a súa participación
O único procesado polo dobre crime do Ceao, en Lugo, Manuel Juan V. C., negou este luns na vista oral a súa implicación nos feitos polos que está a ser xulgado na Audiencia Provincial de Lugo e polos cales a acusación particular pídelle 28 anos de cárcere, mentres que a Fiscalía non presenta cargos.
O procesado negouse a responder as preguntas dos letrados da acusación, aínda que si atendeu a aquelas que lle formularon tanto o fiscal como a súa avogada defensora, que antes do inicio do xuízo xa confirmou a súa intención de pedir “a libre absolución”.
Precisamente, a preguntas da letrada da defensa, Manuel Juan V.C negou que tivese implicación algunha no atraco ao Cash Récord ou que, nalgún momento, lle propuxese a outra xente perpetrar un roubo semellante.
De feito, o procesado asegurou que o día de autos, o 30 de abril de 1994, cando a caixeira Elena López e Esteban Carballedo -que traballaba como repoñedor- foron asasinados a tiros na nave do Ceao, non foi “a ningún sitio”, porque estaba “a traballar”. Asegurou ademais que soubo do dobre crime “pola prensa”.
Recoñeceu que frecuentaba Cash Récord, porque naquel momento rexentaba un local de hostalería no centro histórico de Lugo, de modo que ía “unha vez por semana” para comprar “alcol” para o establecemento, do que mesmo tiña unha tarxeta de cliente.
Relatou que coñecía os asasinados “de velos alí”, aínda que “non os coñecía polo seu nome” e negou tamén que tivese con calquera deles algunha discusión.
Igualmente, a preguntas da súa avogada, rexeitou que chegase a ir á nave do Ceao ata catro tardes seguidas, supostamente coa intención de vixiar o funcionamento do establecemento, e asegurou descoñecer cando se facía a recadación. “Só ía unha vez á semana”, comentou.
Explicou, así mesmo, que naquel momento el non conducía, e tampouco andaba con armas, porque estivera en prisión preventiva durante tres meses en 1993, precisamente por estar en posesión de varias armas sen licenza. Segundo o seu testemuño, desde entón nunca máis tivo ningunha na súa poder.
Lembrou que ese ano -1993- foi devolverllas á persoa que llas vendeu, porque “non funcionaban”, e foi detido en Foz. “Nunca máis tiven armas na miña vida”, insistiu.
En canto ás persoas que supostamente o incriminaron, puntualizou que as coñecía do cárcere e propuxéranlle usar o seu local para vender droga, ao que el accedeu. Con todo, cando os “colleron”, "inventaron o do Cash Récord para beneficiarse”. “Non chegaron a ir nin ao calabozo”, afirmou.
Pola súa parte, Isabel López, irmá dunha das vítimas, relatou como as atopou na escena do crime e confirmou que o acusado era un cliente de confianza.
"Sempre che parece que non vai chegar, e ao final chega. Pola situación, imos cun pouco de nervios, pero aquí estamos. O peor xa o pasamos, que foi a perda de Elena e Esteban", dicía Isabel este luns tras esperar case trinta anos que se celebrase este xuízo.
"Estamos contentas por chegar a este momento e por arrouparnos a xente. Esperamos que se dea ben e que este señor vaia para o sitio que ten que ir", aseguraba Avelina Sánchez, cuñada dunha das vítimas.
Polos dous delitos de asasinato, roubo con violencia e tenza ilícita de armas, a acusación particular pide para o acusado o cumprimento de 28 anos de cadea.
Pola súa parte, a defensa solicita a libre absolución, mentres que a fiscalía se abstén de pedir pena ningunha por considerar que non hai probas dabondo.
"Hai que respectar a opinión do ministerio público. El decidiu non presentar cargos e nós temos que respectalo. Forma parte das regras do xogo", afirma Carmen Balfagón, avogada da acusación particular.
"Seguimos estando un pouquiño soas. A ver se logramos que vexan indicios de que, efectivamente, é esa a persoa", di Isabel López.
Debido á antigüidade da que está considerada a causa penal aberta máis antiga en todo o ámbito estatal, o xuízo celébrase sen xurado popular, conforme ao Código Penal vixente cando sucederon os feitos.