Un libro para contar o secuestro máis longo de México: 290 días nunha caixa
Un libro para contar o secuestro máis longo de México: 290 días nunha caixa
A vítima, Alberto de la Fuente, chega a Compostela tras realizar o Camiño de Santiago, levando na mochila o seu libro que a próxima semana presentará oficialmente en Madrid
Mesturado entre os peregrinos, Alberto remata no Obradoiro o Camiño de Santiago. O primeiro en familia e o terceiro para el, desde foi secuestrado en México.
Alberto de la Fuente conta que "é por agradecemento, non? A estatística máis ou menos reza que de cinco regresan vivos dous".
El é dos que pode contalo e quixo facelo contalo nun libro. Todo comezou o 29 de novembro de 2016. O empresario mexicano deixara o seu fillo no colexio e nun atasco cinco persoas armadas collérono e metérono primeiro nunha furgoneta e logo nunha caixa gris dun metro e medio por dous, con música 24 horas.
"Estaba monitorizado 24/7, cada parede tiña un asexadoiro. Eu digo que era o grande irmán do terror", engade Alberto.
Di que tiña prohibido falar cos captores e que sobreviviu con rutinas: "Comer todo o que me desen, tratar de non oír o contido dos narcocorridos, ler todas as porquerías que me daban, facer exercicio, lavar os dentes... non deixarme morrer".
E así 290 días en que os captores foron apertando. Pasou de tres comidas a un prato de fabas diario: "Nos últimos tres meses apertaron e xa me tiñan espido, quitáronme o colchón, durmía no chan...".
Alberto en México é unha cifra, un caso inconcluso. Nunca detiveron a ninguén. El agora evita rutinas e ocupou a pandemia en escribir este libro que presentará oficialmente esta semana en Madrid.
O por que? "Escribín o libro para os meus fillos", explica. "Na caixa propúxenme que se saía, que moitas veces o dubidei, esta era unha historia de forza, resiliencia e amor".