Publicador de contidos
Publicador de contidos

O PSdeG confirma que Pedro Sánchez visitará Galicia en campaña, pero aínda non hai data

O PSdeG confirma que Pedro Sánchez visitará Galicia en campaña, pero aínda non hai data

Está en xogo que persoas “antimulleres, anticultura ou antieuropa” gobernen o Estado

G24.gal 27/06/2023 14:02

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, confirmou que o presidente do Goberno e líder do PSOE, Pedro Sánchez, visitará Galicia durante a campaña electoral para as eleccións xerais do próximo 23 de xullo.

En declaracións aos medios tras a ofrenda floral do partido no Panteón de Galegos Ilustres en conmemoración do Estatuto de Autonomía de 1936, Formoso dixo que a presenza de Sánchez na comunidade está “confirmada”, aínda que, polo momento, non hai unha data pechada.

Ademais, o líder dos socialistas galegos incidiu na importancia das eleccións do próximo xullo, en que “o voto útil” á esquerda en Galicia é o PSOE, posto que só hai “dúas opcións” para presidir o Goberno: ou Pedro Sánchez ou o expresidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, dixo.

Con todo, Formoso puxo o foco en que elixir o PP tamén supón aceptar a “ameaza clara” da chegada da extrema dereita ao Goberno central.

Por iso, remarcou que nos comicios xerais, “a cidadanía vai ter que elixir” entre unha Galicia “moderna” co Goberno do PSOE ou “un proxecto en branco e negro” co PP e Vox.

"Está en xogo que persoas “antimulleres, anticultura ou antieuropa gobernen o Estado", dixo.

O PSdeG acepta un debate para explicar as súas propostas

Noutra orde de cousas, Formoso tamén se referiu á proposta do BNG sobre un debate entre os líderes das principais formacións de Galicia, e lembrou que o seu partido está disposto a participar en todos cantos debates existan para “explicar á cidadanía” as propostas dos socialistas.

Con todo, cuestionou se con esta proposta pretende "ocultar" o seu principal candidato nestas eleccións e tamén líder da UPG, Néstor Rego, que é quen representa o “posicionamento do BNG de verdade”.

Considerou, polo tanto, máis oportuno que nos debates participen quen representará os galegos nas Cortes, debido a que no Congreso non van estar “nin Rueda, nin Pontón, nin Formoso”, indicou. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade