O PSdeG convoca para o 7 de abril as súas primarias á Secretaría Xeral
O PSdeG convoca para o 7 de abril as súas primarias á Secretaría Xeral
Valentín González Formoso tamén anunciou para o 27 o Congreso Extraordinario do que sairá ratificada a nova cúpula
Considera necesario "reflexionar profundamente" sobre as causas dos malos resultados electorais que "veñen de lonxe"
O PSdeG convocou para o 7 de abril as súas primarias á Secretaría Xeral e para o día 27, o Congreso Extraordinario do que sairá ratificada a súa nova cúpula. Avanzouno este sábado o xefe de filas da formación, Valentín González Formoso.
"Aquí non hai dedazos nin sucesións impostas nin baróns que decidan os apoios. A diferenza doutras formacións, a militancia socialista decide libremente quen quere que sexa o futuro do seu partido", afirmou.
Tras lembrar que hai dous anos a militancia lle deu o apoio para encabezar o PSdeG, dixo que "é o momento de darlle outra vez voz á militancia para que decida o rumbo socialista" nun "exercicio de responsabilidade e de deber democrático".
O secretario xeral do PSdeG fixo este anuncio durante o Comité Nacional, máximo órgano de reunión entre congresos, que se celebra na Cidade da Cultura. Tamén recoñeceu que os resultados foron "malos" e que os socialistas galegos quedaron "moi lonxe" de cumprir os seus obxectivos.
Reflexión profunda
Durante a súa intervención, considerou necesario "reflexionar profundamente" tanto sobre "os erros da campaña como dos últimos anos", tendo en conta que, na súa opinión, algunhas das causas que levaron aos socialistas a obter estes resultados "veñen de lonxe".
Tras subliñar a súa vontade de non evadir responsabilidades e de admitir os "erros" nos que puido incorrer a executiva, afirmou que o vivido debe servir como punto de partida.
Chamou aos presentes a "levantar a cabeza" e "sacar o mellor de si" e reflexionou sobre o feito de que o partido tivera cinco candidatos en 15 anos.
"Debemos tomar nota de que o electorado galego é moi maduro, sabe perfectamente o que vota e debemos profundar no proxecto de país e no perfil galeguista", sinalou.