O PSdeG critica o continuísmo e ofrécese como alternativa "libre de ataduras"
O PSdeG critica o continuísmo e ofrécese como alternativa "libre de ataduras"
Luis Álvarez critica as rebaixas fiscais anunciadas por Rueda porque "propón deberes rimbombantes pero deixándoos na mínima expresión cando dependen de vostedes"
Rueda recriminoulle que "cando máis falta fai que se baixen impostos, vostedes sóbenos"
O socialistas galegos presentáronse esta mañá no debate de investidura como alternativa ao Goberno do PP na Xunta, reclamando a súa autonomía fronte a Ferraz, "libre de ataduras", como dixo o seu voceiro no Parlamento. Para Luis Álvarez, a súa é "unha alternativa que quere recuperar a ilusión e a confianza nesta terra".
Pero dende o PP, cuestionan o liderado desa proposta.
"Agora mesmo non sei se estou falando co portavoz, co líder, co presidente saínte, co presidente entrante...é difícil...son un pouco de manta e cantimplora para saber como está o PSdeG", retroucoulles Alfonso Rueda.
O voceiro do PSdeG no Parlamento criticou, ademais, algunhas das propostas do novo xefe do executivo galego, entre elas, a rebaixa do IRPF, que considera insuficiente.
"Vostede propón deberes rimbombantes aos demais pero deixándoas na mínima expresión cando dependen de vostedes", díxolle Luis Álvarez a Rueda.
Contestoulles Alfonso Rueda instando os socialistas a que "proben a sensación de baixar impostos, xa verán como a xente llo agradece, xa verán como ese empeño en facer todo o contrario non leva a ningunha parte, cando máis falta fai que se baixen impostos, vostedes sóbenos".
Tirapuxa tamén á conta das propostas para a xuventude.
"Que pode esperar a mocidade con fame de ter unha oportunidade laboral na súa terra? Un campamento de verán?", preguntou o portavoz socialista.
"A xente que necesita os campamentos para conciliar agradéceo moitísimo, a ver se nos poñemos no sitio", contestoulle Alfonso Rueda.
Para o PSdeG-PSOE, a proposta de goberno de Alfonso Rueda carece de "ideas frescas e propostas de país", so ven "uns cantos retais recollidos de aquí e de aló que non son quen de facer un traxe á medida que Galicia necesita".
Pola contra, cre o novo presidente que "a xente quere gobernos responsables" fronte "as propostas irrealizables" que fai a oposición.