O PSdeG inicia unha nova etapa con González Formoso á fronte do partido
O PSdeG inicia unha nova etapa con González Formoso á fronte do partido
Formoso gañou as primarias a Caballero cun 59% dos votos
Venceu na maioría das cidades, agás en Vigo e en Pontevedra
O PSdeG ten xa novo líder. Valentín González Formoso gañaba as primarias fronte a Gonzalo Caballero co 59 por cento dos votos. Tras coñecer os resultados, o alcalde das Pontes e presidente da Deputación da Coruña, prometíalles aos militantes que "non lles vai fallar".
O PSdeG inicia unha nova etapa cun novo líder á fronte. González Formoso chegaba á sede do partido no Pino, en Santiago, arroupado polos alcaldes das cidades, agás o de Vigo, que lle deran o seu apoio neste proceso interno. Alí amosaban a satisfacción pola súa vitoria nas primarias.
O alcalde das Pontes comparecía ante os medios pasadas as once da noite do sábado. Aproveitaba esa primeira comparecencia para transmitirlle á militancia o seu agradecemento e a promesa de que "non lles vai fallar".
"[Quero] Agradecerlles ás compañeiras e compañeiros, aos milleiros de compañeiros e compañeiras, dentro desa porcentaxe rotunda do 60% que confiaron nesta alternativa, que viron en nós un modelo de PSdeG que se identifica con Galicia e no que depositan a súa confianza. Que saiban que non lles imos fallar nunca", asegurou Formoso.
Formoso tamén tiña palabras de agradecemento para o seu rival.
"Foron unhas primarias absolutamente limpas, máis aló das rifas mínimas que se teñen que dar nunha confrontación de proxectos, pero absolutamente respectuosa e quero agradecerllo persoalmente ao compañeiro Gonzalo porque foi creo que tamén exemplar", dixo o alcalde das Pontes.
O mellor resultado acadábao na provincia da Coruña e gañaba tamén en todas as cidades agás en Vigo e Pontevedra. Terá que ser ratificado no seu cargo no congreso nacional do partido que se vai celebrar o 7 e 8 de decembro.
Este sábado remataba a súa intervención asegurando que o PSdeG "está de volta", dixo, "para servir a Galicia".