O PSOE aspira a captar votos de Sumar e Podemos nas próximas xerais
O PSOE aspira a captar votos de Sumar e Podemos nas próximas xerais
A voceira do Goberno, a socialista Isabel Rodríguez, pide concentrar o voto de esquerdas no PSOE
O Partido Socialista recoñece a derrota nas eleccións e autonómicas. Á hora de analizar as causas, apunta a un problema de comunicación coa cidadanía, que, segundo a voceira do Goberno, Isabel Rodríguez "non tivo en conta é a magnífica xestión que fixeron moitos alcaldes e presidentes, impecable xestión".
Agora, toca mirar cara ás xerais e os ministros de Sánchez saen na súa defensa. O adianto para xullo, din, non vai afectar o turismo, segundo o ministro do ramo, Héctor Gómez.
Nin tampouco afectará á presidencia española do Consello Europeo, segundo a titular de Transportes, Raquel Sánchez.
Así que toca concentrarse na campaña. O PSOE vai polos votantes dos partidos á súa esquerda.
"O voto ha de concentrarse ao redor do PSOE, (...)imos facer unha campaña de chamamento a outras posicións politicas", dixo nunha entrevista en Onda Cero a voceira do executivo, Isabel Rodríguez.
O adianto pillou a Yolanda Díaz por sorpresa e forzouna a negociar contra o reloxo. A líder de Sumar leva días escapando dos focos, sen dar detalles. As negociacións, segundo Joan Subirats, man dereita de Colau, son complexas.
Para o ministro de Universidades "é un proceso complexo porque se trata de articular forzas moi distintas que están insertas en distintos territorios do país e que teñen as súas propias traxectorias".
Este xoves, o ministro de Exteriores tamén quixo aclarar unha das quinielas que se fan ultimamente e que apuntan a Pedro Sánchez como o próximo secretario xeral da OTAN.
"Vexo a Pedro Sánchez como o próximo presidente do Goberno de España para os próximos catro anos, espero que todo o que se avanzou estes anos non se pare", respondeulles aos xornalistas.