O PSOE de Santiago pide “medidas disciplinarias” para os seus seis edís na cidade
O PSOE de Santiago pide “medidas disciplinarias” para os seus seis edís na cidade
O grupo socialista na capital galega votou a favor dunha ordenanza do Goberno local sobre as vivendas de uso turístico a pesar de que a directriz do partido na cidade era absterse
A executiva local do PSOE en Santiago anunciou este luns que informará á dirección provincial da decisión dos seis edís de votaren contra o decidido pola agrupación, en relación á prohibición de vivendas turísticas na cidade, “para que se adopten as medidas disciplinarias oportunas”.
Así o anunciou a dirección do partido na cidade a través dun comunicado remitido aos medios tras o pleno deste luns en que os seis concelleiros do PSOE na capital galega votaron a favor dunha ordenanza do Goberno local sobre as vivendas de uso turístico (VUT) a pesar de que a directriz do partido na cidade era absterse, o cal impediría a súa aprobación.
No texto insisten en que a votación dos seis membros do Grupo Municipal Socialista se produciu en contra das directrices do partido e, segundo sinala a agrupación liderada por Aitor Bouza, tamén en contra dos intereses da cidade.
A executiva local insiste en que a normativa non servirá para regular as VUT
Insisten na agrupación en que a normativa aprobada este luns non servirá para regularizar as vivendas de uso turístico na cidade, por tanto, a dirección local do partido reitera que o voto do grupo debería ser a abstención.
Por iso e ante a decisión dos edís composteláns de saltar a disciplina de voto, a agrupación local elevará á dirección provincial da Coruña a situación, coa posibilidade de que abran un expediente a todos os integrantes do grupo na capital de Galicia.